www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Xuño de 2019

Un semáforo regulará o paso de peóns na N-550 á altura do Muro
Institucional • 20/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O concello de Redondela ven de adxudicar a instalación dun paso de peóns regulado por semáforos na estrada N-550. A obra, que ten un custe de 33.000 euros, será financiada polas arcas municipais logo de obter o permiso para a instalación dos semáforos por parte do Ministerio de Fomento. Veciños a zona do Muro levan anos reclamando a adopción desta medida que lles permita cruzar a estrada nacional de xeito seguro. Unha vía moi empregada tamén polos peregrinos que percorren o Camiño Portugués.


O alcalde de Redondela Javier Bas asinou a pasada semana a adxudicación dos traballos de instalación dun paso de peóns regulado con dous semáforos na estrada N-550 o que suporá unha importante mellora na seguridade da zona. Está previsto que os traballos comecen en breve e consistirán na canalización subterránea das liñas eléctricas, o pintado dun paso de peóns e a instalación de dous semáforos con pulsador, que serán accionadas polos usuarios. Asemade, colocaranse sinais verticais cumprindo a norma establecida en seguridade vial. A beirarrúa adaptarase para cumprir a accesibilidade suprimindo as barreiras arquitectónicas.


A instalación deste semáforo era unha demanda histórica. Xa os veciños da zona saíran á rúa tras varias mortes neste tramo reclamando os semáforos. Un medida tendente a mellorar a seguridade dos veciños da zona do Muro así como dos centros de peregrinos que percorren esta estrada que forma parte do Camiño de Santiago.


Explican dende o concello que "non foi sinxela a instalación destes semáforos xa que as negociacións co Ministerio de Fomento foron moi duras pero que, tras obter o permiso, será o propio Concello quen financie a obra por ser necesaria para os veciños e veciñas e todos os que circulan a diario por estas beirarrúas". O orzamento ascende a 33.000 euros financiados integramente polo Concello de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: