www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 17 de Xuño de 2019

O C.D. Arcade busca o desquite ante o Umia C.F. para consolidarse en postos de fase de ascenso
Deporte • 21/03/2019
Autor: Ana Prieto

Os de Soutomaior sumaron a súa cuarta vitoria consecutiva no campo do Caselas. Os resultados do equipo, ascendido esta temporada á Primeira Autonómica, están a superar as mellores expectativas do club. Superado xa o obxectivo da permanencia hai varias semanas, o equipo quere ir agora "a por todas" e parten cunha vantaxe: "non hai nada que perder".


O equipo que adestra o redondelán Juan Amoedo vese forte, e con opcións de acadar metas máis ambiciosas que as que se propoñían ao comezo da liga. O certo é que teñen a fase de ascenso na súa man, e vénse cunha "clara vantaxe" sobre os seus rivais directos, porque non teñen nada que perder, e todo o que acaden a partires de agora será "un premio". Ocupan o 4º posto na táboa, e o domingo recibirán ao Umia, o 3º. Os dous conxuntos están empatados a puntos, suman 46 logo de 26 xornadas. Empatados tamén con 14 vitorias, 4 empates, 8 derrotas. No balance de goles anotados e encaixados tamén están moi parellos, aínda que o Arcade cunha mellor renda xa que son 56 goles a favor e 37 en contra, polos 50 goles anotados e os 34 encaixados dos de Ribadumia. Pero hai unha diferencia, no partido de ida o Arcade recibiu en Barrantes un serio correctivo. Alí perderon por 5-0, unha dura derrota que supuxo "un punto de inflexión" para o equipo, como explica Amoedo, ao decatarse "non chega con ser bos, hai que traballar duro". Agora queren o desquite no Salgueirón. Confían nun resultado positivo, teñen ao seu favor o factor campo e son un dos equipos con mellores resultados na casa. Amoedo confía en o seu público os arroupe para facer un bo partido ante o Umia, e fai un chamamento para que acudan ao campo de Arcade, este domingo ás 16.30 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: