www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Xuño de 2019

Pladever súmase á campaña de deseucaliptización simultánea de Galicia
Sociedade • 21/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Plataforma en defensa do río Vergugo é un dos 20 colectivos galegos que responderon ao chamamento da plataforma a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, para participar dunha deseucaliptización simultánea en Galiza, con motivo do Día Mundial dos Bosques que se celebra este 21 de marzo. A tarefa principal da Plataforma en Defensa do Verdugo (Pladever) terá lugar o sábado xunto co colectivo A Rente de Chan e consistirá na deseucaliptización dunhas parcelas situadas nos montes de Gradín de Pontecaldelas.


Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan para mañá e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias. O obxectivo da iniciativa é chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte o impacto negativo e a expansión descontrolada de especies invasoras no país, como o eucalipto ou a acacia.


As especies foráneas causan un impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade, ocupan solos de cultivo e compiten coas especies propias, ademais de contribuír a favorecer os incendios forestais. As accións de deseucaliptización comezarán hoxe, no propio Día Internacional dos Bosques, cunha acción na Coruña pero seguirá nos vindeiros días en diferentes puntos do territorio.


En Pontevedra terán lugar 8 actuacións nos concellos de Agolada, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas, Mondariz, Pontevedra, Ponteareas, Caldas de Reis e Vigo promovidas por entidades ecoloxistas, culturais e comunidades veciñais de montes en man común.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: