www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Marzo de 2019

Andrés Couñago Laxe publica "O que lembro do vivido", crónica dunha vida
Cultura • 7/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

"Nunca sabemos ben como certos acontecementos poden marcar as nosas vidas, no meu caso ter nacido tres días despois da morte da miña irmá." Así arranca o libro O que lembro do vivido que vén de publicar Andrés Couñago Laxe e que está a venda na librería A Carambola. Un libro de memorias que nace polo interese deste veciño de Reboreda de dar resposta a todas aquelas preguntas que lle trasladan os seus netos pero que se converte na "crónica dunha xeración e dun tempo" tal e como explica Victor Freixanes, presidente da Real Academia galega, no prólogo do libro.


O que comeza como un proxecto con vocación de quedarse no ámbito privado acaba tomando forma e converténdose nun libro que recolle as experiencias vividas por Andrés Laxe ao longo da súa vida. Experiencias coas que se poderán identificar nalgúns casos moitos dos que naceron na volta dos anos 50: a vida no rural, os xogos, a escola de mediados do século pasado, a emigración.


Avanza tamén Laxe as súas experiencias na vida social e política cos seus logros e as súas decepcións: os seus máis de 25 anos ao fronte da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, a súa chegada ao movemento asociativo da man de Manolo Barros, o seu paso polo goberno local como concelleiro de Cultura do PSOE, a súa saída abrupta da política e as consecuencias que lle había de producir deixar ao partido en minoría...  


"Unha historia que é produto dun tempo e dunhas circunstancias, coas súas satisfaccións e os seus sufrimentos" que Laxe recolle neste libro que completa cunha serie de artigos que foi publicando nas últimas décadas en diferentes xornais.


Sen tratarse dun relato pormenorizado achéganos a figura deste veciño, moi implicado actualmente no movemento cultural dende a Asociación Alén Nós, e ao tempo serve para achegarnos dende o relato persoal a unha historia máis xenérica "viaxando dende o particular ao xeral, dende o local ao mundo" como explica Freixanes.    


Un proceso de escritura que Laxe confesa "doloroso e difícil pero do que me sinto moi orgulloso, porque considero que é un bo patrimonio que lle deixo aos meus netos" e, por ende, a todos os que queiran achegarse as súas páxinas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: