www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Marzo de 2019

Paxaretas, cando o movemento feminista se organiza a nivel local
Política • 28/12/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O colectivo feminista de Redondela que nacía hai menos dun ano tomaba forza na mobilización do 8 de marzo que supuxo todo un éxito para este grupo de mulleres que decidiu organizarse para denunciar, visibilizar e loitar contra a desigualdade de xénero e os comportamentos machistas. O balance que fan do 2018 é moi positivo en canto aos apoios recibidos e o número de actividades organizadas pero por diante aínda queda moito polo que loitar. Arrancarán o novo ano cunha charla potente "A prostitución en primeira persoa".


"O movemento feminista necesitaba de mulleres que se organizaran a nivel local" así o entenden Carol Sertal, unha das integrantes de Paxaretas. Unha opinión que visto o éxito de convocatoria deste colectivo parece que é unánime. Nacía aló polo mes de febreiro e en tan só unhas semanas lograban o seu primeiro éxito ao encher a praza da Constitución de manifestantes co gallo do 8 de marzo que coreaban o lema de "esta é a nosa revolta". Virían logo máis convocatorias, como a secundada por ducias de veciños e veciñas ás portas dos xulgados de Redondela en contra da sentencia de La Manada. Pero tamén moitas actividades; charlas, proxeccións cinematográficas, obradoiros, representacións teatrais de rúa... un intenso calendario que teñen previsto repetir e ampliar de cara ao novo ano.


De feito, en xaneiro celebrarán un novo obradoiro en torno aos xoguetes como ferramentas para a igualdade e, de cara ao día 18, abordarán un tema sempre de actualidade como é a prostitución. Contarán para a ocasión con dúas mulleres que coñecen o tema: a realizadora Noemí Chantada autora da curtametraxe documental La mujer invisible sobre a prostitución e a activista Amelia Tiganus, unha supervivente da trata e a prostitución que relatará en Redondela como é o mundo da escravitude sexual.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: