www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 13 de Novembro de 2018

Clemente Bastos: "Se non se pilota o peirao de Cesantes teremos que marchar a outro porto"
Sociedade • 6/11/2018
Autor: Ana Prieto

O Patrón Maior de Redondela, que vén de ser reelexido no cargo, apunta como unha prioridade para este mandato a eliminación do actual dique. A obra, comprometida en 2011, permitiría as correntes mariñas rexenerar a zona, que agora é "unha lameira".


Nas recentes eleccións na Confraría de Redondela, a candidatura de Bastos impúxose ás outras dúas alternativas, polo que repite no cargo cun novo mandato de catro anos. Afirma que o seu obxectivo é seguir á fronte do pósito redondelán "para defender os intereses dos traballadores do mar na pesca e no marisqueo" e tentar mellorar as súas condicións de vida. Unha das súas prioridades é a demolición do último tramo do dique no peirao de Cesantes, e a substitución do mesmo por un flotante para abrigar as instalacións de pantaláns xa existentes. Deste xeito melloraría a dinámica litoral e a súa maior lonxitude serviría para dar mellor servizo tantao ás embarcacións pesqueiras, como as de pasaxe que se achegan á illa de San Simón, ou os baros do porto deportivo. O patrón maior asegura que se non se fai a obra "os barcos terán que marchar a outro porto". Os lodos secan o peirao, e coa marea baixa "as embarcacións non poden saír". A actividade depende das mareas e o pósito advirte: "está en risco o marisqueo se non se recupera o calado". Clemente Bastos lembra que do plan integral para o porto de Cesantes, anunciado en 2011 cun investimento de 6 millóns de euros, tan só se executou o 10%., que corresponde á nova lonxa. Encanto ao marisqueo, a confraría seguirá traballando na rexeneración dos bancos marisqueiros, recuperando espazos improdutivos para esta actividade.


Concellería do Mar


De cara ás próximas eleccións municipais, aposta pola creación dunha concellería do Mar no próximo goberno local. Entende que sería moi positivo para o sector contar cun departamento municipal que puidera colaborar coa confraría en asuntos de interés para os traballadores do mar. Advirte que o pósito é "a maior empresa de Redondela" xa que todo o volume de negocio que xenera crea emprego e riqueza no municipio.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: