Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

16 anos pondo en valor a carne do Suído
Sociedade • 18/07/2018
Autor: Lorena Otero

Sen grandes pregoeiros, nin orquestras, esta festa gastronómica converteuse en cita obrigada do verán da comarca grazas á implicación de todos os veciños de Fornelos de Montes e á calidade do produto que ofrecen. A carne das reses que se crían na serra do Suído e os chourizos que elaboran eles mesmos e preparan á brasa son o reclamo principal desta festa gastronómica na que tamén dan a coñece as agrupacións locais que serán as encargadas de amenizar a xornada.


Aquel que lle guste a carne, ten unha cita ese domingo en Fornelos. Dezaseis anos levan organizando esta cita na que se pode degustar a mellor carne da zona. Animais que crecen en liberdade, sen pensos nin pesticidas, nos montes entre o Fornelos e Ourense, como destaca dende a organización Cayetano Tamaño.


A chanfaina, que é un chourizo á brasa, con patacas e pan, carne do Suído co mesmo acompañamento así como empanada de carne, chanfaina ou bonito e sobremesas feitas polos veciños será a proposta gastronómica. Logo do éxito obtido o pasado ano tamén se poderá degustar a "chanfaina fornelense", comoposta por chanfaina, ovos fritidos e pan de millo. A música correrá a cargo do pasarrúas “RadioTropical” a partir do mediodía. Ás 17.30 horas actuarán as “Pandereteiras de Fornelos de Montes”. Unha hora despois o fará a “Coral Voces Fornelenses” e encargaranse de pechar a festa ás 19.30 horas a banda de gaitas do municipio.


Campionato de Tute


Dezaseis anos son os que levan tamén organizando o campionato de tute de Fornelos, que se celebrará o sábado diante do Multiúsos a partir das 22,30 horas. Máis de cincuenta parellas que chegan de toda a provincia daranse cita neste campionato ao aire libre que conta co aliciente de que tanto os que gañan como os que perden teñen agasallos asegurados.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: