www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Descobren un muíño en Cesantes mentres realizan traballos de catalogación do patrimonio
Cultura • 29/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O elemento patrimonial, coñecido como "Muíño do Rato" ou "Muíño do Camiño de Xote" estaba escondido no Ameneiral do Pexegueiro, preto da N-550. A descuberta foi realizada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy e tivo lugar durante os traballos de revisión do patrimonio da parroquia que está a realizan esta Asociación. O muíño carece de catalogación, polo que o colectivo xa solicitou o seu rexistro ó concello de Redondela.


A este elemento patrimonial chegaron os membros do colectivo tras recoller testemuños dos veciños e explorar a zona. Unha vez alí, alcanzouse o elemento que se atopa nun lugar de difícil acceso polo abandono, malia estar a tan so unha vintena de metros da estrada. Tras ser descuberto o enclave, un grupo do Obradoiro Fernando Monroy, acompañado por varios veciños, foi ata o lugar para realizar unha profunda limpeza da zona e deixar ó descuberto este importante elemento patrimonial.


O seguinte paso consistiu en remitir toda a información técnica do muíño ó concello de Redondela para solicitar a súa catalogación, xa que non aparecía rexistrado en ningures. Ademais, a asociación entende que debe ser incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do municipio, que se atopa en elaboración.


A construción é coñecida como Muíño do Rato, segundo lles indicaron as testemuñas, e tamén como Muíño do Camiño de Xote. No referente á tipoloxía é dunha forma mixta, propia da zona de Redondela, que mestura o deseño en "canle-cubo". O muíño atópase nunha zona de bosque de ribeira coñecida como "Ameneiral do Pexegueiro", a uns metros do río Pexegueiro e tamén no antigo trazado do camiño de Santiago. Pola parte superior do elemento vai un camiño que aparece na documentación catastral, pero que está pechado polo manto vexetal da zona. O muíño tamén ten unha levada, canle, que si aparece na documentación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: