www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Setembro de 2020

Susana Couñago chama á participación na primeira consulta popular en Redondela
Política • 27/07/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A concelleira de Participación Cidadá anima aos veciños a dar a súa opinión sobre os festivos locais e a peonalización das rúas do centro da vila. Dous temas importantes para a cidadanía polo que entende é relevante a súa opinión xa que, malia non ser esta enquisa vinculante "si se terá moi en conta por parte dos partidos políticos a opinión maioritaria que resulte desta consulta". As persoas interesadas pode votar a través da páxina web do concello ou presencialmente cubrindo un impreso que deberán entregar no rexistro municipal.


O goberno local segue adiante co referendo popular no que somete a consulta cales deberían ser os festivos locais de cara ao vindeiro ano 2021 e sobre a peonalización das rúas. Precisamente este último asunto é o que está a xerar máis controversia entre os veciños atendendo ás opinións presentadas nestes primeiros 15 días de enquisa. No referente a esta cuestión, os participantes poden opinar se desexan que se manteña a peonalización actual que afecta ás rúas Alfonso XII e Ribeira nas fins de semanas, que se amplíe ou varíe o horario ou que se renuncie a pechar o tráfico no centro da vila.


En canto aos festivos. Os participantes deberán elixir dúas datas entre catro opcións posibles: o Luns do Cristo (12 de abril), o Martes de Entroido (16 de febreiro), o Xoves da Coca (3 de xuño) e o día de San Xoán (24 de xuño). Poden incluso propoñer datas alternativas a esas catro propostas que son as defendidas dende os diferentes partidos políticos.


Para participar compre ter máis de 16 anos e ser veciño de Redondela. A consulta pode responderse online na páxina web do concello ou ben cubrindo un modelo físico que se poderá recoller nos centros culturais de cada parroquia ou no rexistro municipal, lugar no que deberá ser entregado unha vez cuberto. Curiosamente, nestes primeiros días de enquisa a maior participación está a ser presencial.


Tan só se aceptará unha opinión por persoa, sempre e cando se entregue antes do 15 de agosto.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: