www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 6 de Xullo de 2020

A Feira volve a Redondela con reparto de máscaras e accesos controlados para evitar aglomeracións
Sociedade • 3/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de 160 postos de agroalimentación, calzado e téxtil ofrecerán os seus produtos o vindeiro sábado día 6 na que será a primeira feira no centro da vila despois de tres meses de parón obrigado. Feirantes e clientes con mascaras de protección, uso de xel hidroalcólico, espazo de seis metros para cada posto ou distancia social, marcarán o retorno dun mercadiño no que a Concellería de Feiras e mercados extremou as precaucións para evitar posibles contaxios.


A feira de Chapela foi a primeira en recupera a actividade logo de quedar suspendida o pasado mes de marzo coa declaración do Estado de Alarma por mor da COVID-19. Recupera así as súas datas habituais de celebración, os días 2 e 16 de cada mes.


O sábado día 6 regresarán tamén os ambulantes a Redondela con importantes medidas de cara a garantir a seguridade de vendedores e clientes. Para garantir o espazo entre postos -un total de 160 ofrecerán os seus produtos de roupa, calzado e agroalimentación- pecharase ao tráfico a Avenida Mendiño, dende o bar Rivas ata a rotonda. Cómpre salientar que, coas novas medidas de seguridade, os postos terán que contar cun mínimo de 4 metros de distancia entre eles por cada lado, mentres que a distancia frontal entre posto e posto terá, como mínimo, 6 metros coa recomendación engadida de non situalos un fronte a outro.


Ademais delimitarase o recinto establecendo puntos de acceso e saída. "O obxectivo é evitar aglomeracións e tamén que todos os que acceden a feira leven posta a máscara de protección, que se lles facilitará nos puntos de entrada, e que laven as mans con xel hidroalcólico" explica o edil de Feiras e mercados, Vicente Lamas.


A alcaldesa Digna Rivas salientou a importancia do reinicio desta actividade "que un elemento dinamizador da economía e o comercio local e un paso mais no camiño desta nova normalidade".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: