www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

O emprego recupérase na comarca logo de dous meses de caída en picado
Sociedade • 2/06/2020
Autor: M. X. Queimaliños

Co retorno á actividade, logo do parón dos meses de marzo e abril polo Estado de Alarma e a hibernación da economía, o emprego volve crecer na nosa bisbarra, con menos persoas en situación de desemprego que hai 30 días. No caso de Redondela son 70 as persoas que atoparon emprego, unha cifra optimista pero que non logra recuperar os 88 empregos perdidos en marzo ou os 278 que se perderon en abril por mor da pandemia.


Os datos do paro cos que arrancamos este mes de xuño deixan certo optimismo no plano económico. En Redondela son actualmente 1.994 as persoas en situación de busca de emprego, 70 menos que no mes anterior. Con todo, dende que comezara a crise foron un total de 366 as persoas que se inscribiron nestas listas do INEM (88 en marzo e 278 en abril, un dato certamente único na nosa historia recente).


Situación tamén preocupante en Soutomaior onde este mes adoita ser especialmente positivo en canto ao paro polas contratacións na hostalaría, algo que non se reflicte nos últimos datos da Consellería que apuntan tan só a creación de tres novos contratos, fronte aos 102 destruídos en abril ou os 15 que se perderon en marzo.


Variación positiva pero mínima en Pazos de Borbén con seis parados menos e Fornelos de Montes, con catro. Municipios nos que tampouco a crise se sentiu con tanta forza como no resto da provincia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: