www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 6 de Xullo de 2020

Unanimidade en defensa do cargadoiro de mineral ante as intencións da Autoridade Portuaria
Política • 29/05/2020
Autor: M. X. Queimaliños

A moción, presentada por ARPE (Asociación Rande Patrimonio Europeo), contou co apoio unánime de todos os grupos presentes na corporación quen salientaron a importancia histórica do conxunto cultural existente en Rande e que inclúe os restos da fortaleza, os galeóns afundidos ou o propio cargadoiro de mineral. Elementos que fan do lugar un conxunto que ao entender dos promotores da proposta fano merecedor da categoría de BIC (Ben de Interese Cultural). Para garantir unha maior protección para a zona o Concello comprometeuse a solicitar o Selo Europeo para o lugar.  


O temor a que a Autoridade Portuaria de Vigo avance na súa intención de demoler o cargadoiro Coto Wagner, levou a abordar esta cuestión con carácter de urxencia no pleno de onte para tentan blindar esta estrutura e evitar que, alegando o seu estado ruinoso, sexa demolida.


O acordo unánime en torno a esta cuestión non evitou o debate malia que o edil de AER Roberto Villar instaba a todos os grupos a "ir todos a unha co concello" que está intentando paralizar os intereses da Autoridade Portuaria e está a "poñer todas as ferramentas necesarias para evitar o acto de piratería que se quere cometer contra este inmoble".


Dende o BNG, Jessica García sinalaba a López Veiga como autor deste atentado contra o patrimonio e lamentaba que "o PP no Parlamento Galego rexeitara incluír unha emenda nos orzamentos para recuperar esta infraestrutura cando "recuperar cargadoiros como o Coto Wagner xa se ten feito noutras localidades e supón un xeito de promover o desenvolvemento económico".


No mesmo sentido se manifestaba dende o PSOE Leonardo Cabaleiro, quen insistía na idade de que "o patrimonio debe ser motor económico".


Dende o PP, Carmen Amoedo aseguraba que "a Xunta está ao lado do concello de Redondela, e no seu día xa instou a Autoridade Portuaria a rehabilitar o cargadoiro negándolle autorización para o seu derrube". 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: