www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 9 de Xullo de 2020

Fuxida de película tras roubar no estanco de Os Valos
Sucesos • 29/05/2020
Autor: Lorena Otero

O ladrón tentou escapar co botín, 130 paquetes e bolsas de tabaco, pola N-555 onde a policía tiña despregado varios controis. O home lanzou pola fiestra unha máquina rexistradora para evadirse dos axentes e continuou a súa fuxida cara Peinador. Foi o propio coche que roubara o que lle impediu continuar coa súa escapada, ao comezar a botar fume polo radiador. Malia que tentou escapar por unha zona boscosa, era interceptado pouco despois polos axentes da policía.


A estrada que une Redondela con Peinador converteuse esta madrugada no escenario das peripecias dun home, de 31 anos, con domicilio en Nigrán, que remataba de roubar no estanco de Peinador – Os Valos. Unha chamada na central de alarmas ás 03.34 horas, alertaba de que viña de cometerse un roubo no estanco e o autor fuxira en dirección Redondela. A policía Nacional en colaboración coa policía Local de Redondela puña en marcha un operativo para frear a fuxida con controis na N-555. Nun deles déronlle o alto a un vehículo que circulaba a gran velocidade e que coincidía coa descrición do fuxido. No canto de parar, o home lanzou contra o coche dos axentes unha máquina rexistradora e continuou a súa fuxida cara o aeroporto a gran velocidade, invadindo os dous carrís de circulación e provocando que os demais coches tivesen que apartarse ao seu paso para evitar unha colisión.


Unha persecución que remataba na estrada EP-2702 no Barrio O Campiño, cando o coche do fuxido avariouse e o radiador comezou a fumear, deténdose pouco despois na beiravía. Malia que o home saíu correndo cara unha zona boscosa, era detido pouco despois.


Os axentes comprobaron que o vehículo fora roubado e tiña feita “unha ponte”. No seu interior había 130 paquetes e bolsas de tabaco ademais de ferramenta.


O detido, ao que se lle imputa un delito de roubo con forza, conta con varios antecedentes e unha orde de procura e localización do xulgado de Instrución de Vigo. O home pasou a disposición do xulgado de Instrución de Redondela, en función de garda.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: