www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 10 de Abril de 2020

Unha moza de 22 anos resulta ferida grave tras ser atropelada por un turismo en Santa Mariña
Sucesos • 15/01/2020
Autor: M. X. Queimaliños

O accidente producíase ás 18:50 horas da tarde de onte cando a moza, tras cruzar a estrada estando o semáforo en vermello para os peóns, era alcanzada por un turismo que a lanzaba ao carril contrario. A vítima caía diante dun camión que afortunadamente nese intre aínda estaba parado. Con todo, por mor do impacto a moza quedaba inconsciente na estrada e era trasladada por unha ambulancia ao hospital Alvaro Cunqueiro. A consecuencia do accidente producíronse importantes retencións na circulación.


Aparatoso accidente o que se producía a media tarde de onte en Redondela co resultado dunha muller atropelada que resultaba ferida grave. Os feitos tiñan lugar ás 18:50 horas da tarde cando a vítima, segundo as testemuñas, tería cruzado a N-550 á altura do semáforo de Santa Mariña, cando a sinal estaba en vermello para os peóns. Un vehículo que circulaba pola estrada colidía contra ela, que impactaba contra o parabrisas e era lanzada ao carril contrario, quedando aos pés dun camión que afortunadamente estaba parado.


A consecuencia do impacto a moza, de 22 anos e veciña das inmediacións, quedaba inconsciente na estrada. Malia recuperar a consciencia e logo de ser valorada polos médicos de garda do centro de saúde foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao hospital Alvaro Cunqueiro, segundo informan dende a Policía Local cuxos axentes se desprazaron ao lugar para atender aos implicados no sinistro e regular o tráfico.


Ao condutor implicado realizáronselle as probas de alcoholemia, con resultado negativo para consumo de alcohol e drogas.


A consecuencia do accidente producíronse importante retencións de vehículos en todos o casco urbano, por tratarse dunha das vias de saída con maior intensidade de tráfico do municipio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: