www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 29 de Xaneiro de 2020

Cesantes non contará con bandeira azul o vindeiro ano
Institucional • 12/12/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Redondela renuncia a solicitar esta bandeira por entender que se trata tan só dun distintivo comercial dunha empresa privada que non aporta nada e que, pola contra, xera uns gastos administrativos innecesarios. Así o explica o edil de Medio Ambiente, Roberto Villar quen confirma que logo de cinco anos contando con bandeira azul na praia da Punta en Cesantes, o novo goberno decidiu non presentar a solicitude.


Tras lucir bandeira azul durante cinco anos consecutivos, o goberno local confirma que non concorrerán a convocatorio do 2020 para facerse cun destes distintivos, polo que Cesantes non lucirá no vindeiro verán esta insignia.


Roberto Villar explica que se trata dun distintivo "de carácter privado que nada aporta aos concellos" polo que prefiren aforrarse os custes administrativos que conleva a súa solicitude. "nos seus inicios tiña un sentido por ser un organismo independente quen o concedía en base a criterios fundamentalmente medioambientais, pero cos anos foise desvirtuando ata converterse nunha marca comercial privada que non aporta nada".


Insiste, en todo caso, que esta decisión non supón renunciar a ningún dos servizos cos que conta este areal (baños públicos, socorristas ou accesos) ou a boa calidade da auga. Cuestións na que intentarán seguir mellorando no futuro.


Tampouco teme que esta decisión teña repercusión algunha sobre o turismo ou os bañistas que se achegan a esta praia "algúns dos mellores areais galegos non contan con bandeira azul, e concellos como o de Nigrán renunciaron a ela anteriormente sen que se vise diminuída a afluencia nas súas praias".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: