www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 9 de Decembro de 2019

Os veciños demandan unha praza de Ponteareas "máis humanizada" e alternativas de aparcadoiro
Sociedade • 4/11/2019
Autor: Ana Prieto

O goberno local anunciou que a remodelación da Praza de Ponteareas contemplará as propostas dos veciños. Residentes e comerciantes da zona levan anos solicitando a mellora deste espazo "como porta de entrada a Redondela". Demandan unha praza "máis humanizada e con espazos para os peóns" ao tempo de advirten da necesidade dunha zona alternativa "onde poidan aparcar os coches".


A Praza de Ponteareas é a primeira imaxe da vila que reciben os turistas e peregrinos que chegan a Redondela procedentes da estrada nacional. E o seu aspecto "non está á altura do municipio", como denuncian veciños como Gabino, quen apunta que a contorna "léva décadas abandonada". Os residentes, comerciantes e hostaleiros da praza agardan que o proxecto anunciado polo Concello se faga realidade "canto antes", e contemple non só a humanización da contorna senón tamén espazos alternativos para o estacionamento dos coches, como explica Melitón, que leva 30 anos como veciño desta praza.


Proxecto con participación veciñal


O goberno local encargou o proxecto de remodelación da praza aos arquitectos Lucas Gándara e Juan Bautista Pons, e o obxectivo é facer "unha reordenación do tráfico e un espazo amable para os peóns". A concelleira de Urbanismo, María Castro, segura que para a súa elaboración teranse en conta as propostas dos veciños. Segundo explican desde o goberno local, con esta obra preténdese mellorar o acceso á vila polo Camiño de Santiago e pór en valor o antigo Convento de Vilavella e a súa igrexa, situados nun dos laterais da praza. Ademais preténdese mellorar a seguridade viaria dos peóns e crear espazos alternativos para o estacionamento dos vehículos.


Zonas de estacionamento alternativas


Co reordenamento da cirulación crearanse zonas de aparcadoiro. Está previsto que se estableza sentido único na rúa do Muro, co que se habilitará máis espazo de estacionamento "e o snetido de circulación establecerase tendo en conta a opinión dos veciños". Residentes como Victoria agardan con impaciencia a que o Concello acometa esta obra para mellorar a contorna e a accesibilidade dos peóns. A actuación estará cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cunha taxa de cofinanciación do 80%, e enmarcase dentro da liña de actuación para a promoción da mobilidade, accesibilidade urbana e mellora da seguridade viaria dos peóns, entres os que se atopan os milleiros de peregrinos que chegan a Redondela desde os camiños de Santiago Portugués e da Costa.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: