www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

Un museo de interpretación arqueolóxica e aulas multiúsos para o antigo colexio de Trasmañó
Sociedade • 17/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os veciños da parroquia están chamados a unha asemblea que se celebrará este xoves ás 20:00 horas no auditorio do Centro Cultural co obxecto de acordar, coa maior unanimidade posible, os usos que se lle darán ao antigo colexio que está a ser rehabilitado. A Asociación de veciños defende que o espazo se dedique a usos múltiples, deixando algunhas das súas aulas para albergar un centro de interpretación arqueolóxica dos xacementos de Monte Penide/Mirallo.


O antigo colexio de Trasmañó está xa a ser acondicionado para darlle un novo uso a unhas instalacións que permanecen pechadas dende o ano 2010 cando a falta de alumando levou a Educación a pechar o centro.


Unhas instalacións que volverán abrir unha vez rematen as obras nas que se están a investir 151.957 euros pero nas que aínda está por determinar o seu uso. Dende a asociación de veciños defenden destinalo a usos múltiples, con salas destinadas a centro social para persoas maiores, unha sala de exposición e aulas multiúsos para realizar obradoiros ou impartir cursos ou actividades formativas.


Así o explica o presidente do colectivo, Rafael Riobó, quen apunta tamén o interese da asociación porque se cree nese espazo un pequeno museo de interpretación arqueolóxica do patrimonio da zona "serviría para promocionar a parroquia que ten un importante riqueza arqueolóxica, tanto en Monte Penide con xacementos prehistóricos así como o coñecido como castelo de Rande que está ubicado en terreos de Trasmañó".


Propoñen tamén que a pista do colexio se cubra e se converta nun pavillón que dea servizo  a veciños e clubs da zona que carecen de instalacións para os seus adestramentos.


Rematados xa os accesos que eliminan as barreiras arquitectónicas e feita a división interior do edifico en diferentes salas, falta agora rematar a contorna e determinar cal serán os usos destas instalacións, cuestión que tentarán definir na reunión desta tarde no Centro Cultural.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: