O Campo da Feira acolle o vindeiro 31 de agosto a X Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos, organizada polo Motoclub Redondela e coa colaboración do Concello de Redondela. Unha cita que incluirá unha ruta pola comarca, unha gran mexilloada así como música. Non faltarán as exhibicións acrobáticas a cargo de “NH-Pina e Jaque Stunt”.
Dende a organización, Carlos Figueroa do Moto Club de Redondela, mostrase moi satisfeito coa evolución deste evento que despois dunha década alcanzou unha magnitude que non esperaban cando comezaron.
As actividades darán comezo ás 12.00 horas coa apertura do recinto situado no Campo da Feira e animación musical . Ás 16.00 horas, saúdo da mascota Xaquín e ás 17.30 horas dará inicio unha ruta pola comarca. Os moteiros sairán de Redondela en dirección Reboreda, pasarán por Pazos de Borbén, Mondariz, Xunqueiras e Moscoso, para regresar a Redondela.
As 18.30 horas será a hora prevista do regreso da ruta e comezará a degustación de petiscos de balde para todos os asistentes. Ás 20.00 horas os presentes poderán gozar cunha exhibición acrobática a cargo de “NH-Pina e Jaque Stunt”. Tamén haberá unha exposición de motos de competición no Campo da Feira a cargo de Brais Lorenzo, Nes Gomez e Cesar Gallego. “Esta é unha das mellores concentracións moteiras de toda Galicia e contamos este ano con 3000 participantes, moitos ataviados con vestimentas creativas e sempre cumprindo todos os requisitos de seguridade”, sinala Figueroa.
Dende a organización agradecen aos 84 patrocinadores e o Concello de Redondela que fan posible esta gran Xuntanza Moteira e que tamén axudaron na realización dun sorteo a través de rifas. Sortearanse produtos moi variados e de moitos sectores distintos, pero no que tamén haberá agasallos do mundo do motor.
Ás 22.00 horas ofrecerán unha gran mexillonada de balde para todos os asistentes e ás 22.30 comezará a sesión musical con DJ Rubin. Xa á 01.00 haberá un segundo pase de exhibicións acrobáticas, a cargo tamén de “NH-Pina e Jaque Stunt” para finalizar a xornada cunha sesión DJ. Teñen encargados sobre 60 quilos de mexillóns e tamén ofrecerán choripan e bebidas, entre outros petiscos.
O presidente do colectivo, Carlos Figueroa, anima aos amantes das motos a achegarse a esta cita que terá lugar este sábado e que promete ser todo un espectáculo.







