| www.radioredondela.com | Hoxe é Xoves, 9 de Setembro de 2010 |
| Tempo de Jazz |
Tempo, unha hora á beira da media noite; tempo, a velocidade da música. "Tempo de jazz", un recanto na noite dos martes -con repetición os sábados- para enchelo de música e palabras.
Remataba o verán de 2001 cando botamos a voar esta idea, este programa que camiña agora ao seu oitavo aniversario. Nesta a nosa historia de noites -desde o 11 de outubro de 2005, pois ata entón emitiamos de tarde- ata xuño de 2009, cando redactamos estas liñas, van 372 emisións ao longo de máis de 400 semanas: que nalgunhas ocasións, por dificultades persoais, técnicas ou de programación, invencíbeis, faltamos á nosa cita. Vai aló tamén algún pequeno especial de Nadal e un concerto de aniversario.
Pero as máis das veces aí estivemos, e queremos seguir a estar; quen? Primeiramente o persoal da Emisora Municipal de Redondela, "Radio Redondela", botando ás ondas o son e o sinal, sempre con máis agarimo e mellor disposición da que é esixíbel pola simple profesionalidade; bastantes nomes de muller por un pouco de tempo e, longa e moi especialmente, Susi -desde o comezo e coa maioría absoluta de programas; súas foron a idea, o convite para colaborar, a acollida á miña leria interminábel sobre esta música que me entusiasma-, Ana -de xeito máis ocasional, por tempadas; súa é a calma que supera todos os inconvenientes- e, desde hai máis de un ano, Lorena -súas son a infinita paciencia e o sorriso constante-. Tamén eu, escollendo a música e envolvéndoa en palabras, como un namorado e, se cadra, como ocorre a miúdo cos namorados, incansábel e enfeitizado a falar do seu amor.
Ai o meu amor!: o jazz. Esa música mestiza e mesturada; esa música que son xa un milleiro de músicas inconformistas e sorprendentes a cruzarse e cruzadas cos sons todos da terra, ese agasallo que nos fixo á humanidade enteira o pobo negro de Norteamérica. O jazz fecundando a nosa cultura contemporánea -o cine, a literatura, outras músicas, aínda as máis comerciais- mesmo alén de ata onde somos conscientes, a pesar de nós mesmos.
Por iso o noso programa está deliberadamente orientado a crear afección ao jazz e a facilitar unhas referencias básicas a quen queiran coñecelo e gorentalo. É así que con frecuencia nos dedicamos a presentar estilos ou escolas, biografías de músicos, discos significativos etc., a miúdo ao longo de series que cobren varias semanas. Outras veces a nosa emisión é temática e desenvolve, ilustrándoo musicalmente, un pretexto que pode ser literario, social -o Nadal, o Entroido, o verán, o día da muller traballadora, ... - ou cinematográfico. Máis raramente, pero de xeito tamén cada vez máis habitual, presentamos novidades discográficas de músicos galegos. Nestes casos a estrutura habitual comentario-música convértese en fragmento de entrevista-música. Ademais, o certo é que, ao fío disto, vén sendo aos poucos habitual que non sexamos nós quen convidamos aos artistas ao noso programa, senón eles quen nos propoñen a súa participación, de forma que no modesto pero interesante panorama do jazz en Galiza, sen pretendelo, temos ido gañando un certo aprecio.
Por iso procuramos que a música que emitimos sexa accesíbel logo, de maneira que cada quen poida ir facendo a súa colección de discos.
E se nada sabemos con precisión de canta é a nosa audiencia, temos noticia de que é fiel e de que nela son bastantes as persoas que gravan a emisión para escoitala a conveniencia noutro momento, o que xa non será preciso xa que a partir de agora todos os programas estarán colgados da nosa páxina web para que poidades escoitalos cando desexedes.
Grazas por estardes aí! Agardámosvos nese instante máxico en que os reloxos poñen proa á media noite, para debullar xuntos, unha outra vez, este noso "Tempo de jazz" que, como sempre, quere petar no voso corazón con este redobre de tambor...
Luís Gustavo Cuntín Docampo
|
| Hoxe na Radio |
| 00:00 - A Estación |
| 08:30 - Os Titulares do día |
| 09:00 - Arredor de Nos |
| 11:00 - A Estación |
| 13:00 - Cancións para xordos |
| 13:30 - Cerna |
| 14:00 - Informativo |
| 15:00 - Informativo |
| 17:00 - Informativo |
| 17:15 - Cancións para xordos |
| 18:00 - O Viraventos |
| 20:00 - Informativo Galicia |
| 23:00 - Brasil moito alén |
| Audios deste programa |
Tempo de jazz
31/08/2010 Tempo de jazz 24/08
24/08/2010 Tempo de jazz
17/08/2010 Tempo de jazz
10/08/2010 Tempo de jazz
03/08/2010 Tempo de Jazz
27-07-2010 Tempo de Jazz
20-07-2010 Tempo de Jazz
13-07-2010 Tempo de Jazz
06-07-2010 Tempo de Jazz
29-06-2010 Tempo de Jazz
22-06-2010 Tempo de Jazz
15-06-2010 Tempo de Jazz
08/06/2010 Tempo de Jazz
01/06/2010 Tempo de Jazz
25/05/2010 |