www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 13 de Decembro de 2019

Outubro, mes do piano en Redondela
Cultura • 3/10/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela organiza o seu primeiro ciclo de piano co obxecto de poñer en valor o novo instrumento adquirido polo consistorio así como dar a coñecer a composición pianística galega. E faino cun programa dedicado nesta primeira edición ao compositor Marcial del Adalid e a súa dona, a poeta Fanny Garrido. Un programa de primeiro nivel que arranca este venres día 4 ás 19:30 horas cunha conferencia do compositor Juán Durán na Casa da Cultura e que inclúe catro concertos que se desenvolverán ao longo do mes no Multiúsos, todos eles de balde.


Un programa e repertorio de alta calidade e "nivel sobresaínte" que en palabras da alcaldesa, Digna Rivas, serve para amosar que "dende Concellos pequenos pódense organizar grandes ciclos".


Unha iniciativa que parte dende o Servizo de Normalización Lingúística e que busca dar a coñecer aos grandes compositores da música galega, "non sempre ben coñecidos nin debidamente recoñecidos polo público de Galicia".


Neste sentido, a figura que inaugurará esta primeira edición é Marcial del Adalid, un dos pioneiros na introdución do romanticismo musical en Galicia e no resto de España. A primeira das actividades afondará precisamente na súa figura cunha conferencia este venres a cargo do compositor Juan Durán na Casa da Cultura co título "Marcial del Adalid. O iniciador do sinfonismo galego".


O Dúo Scaramouche, formado por Javier Ares e Jorge Briones, presentarase ao público o día 18 de outubro da man de Luís Costa. O programa que presenta este dúo está integramente dedicado a Adalid.


Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo, presentados por Laura Touriñán, ofrecerán un concerto o día 20 de outubro. Alejo é un pianista nado en Redondela e un dos principais investigadores e intérpretes da historia pianística de Galicia. Susana de Lorenzo é soprano lírica. Interpretarán pezas do álbum Cantares vellos e novos de Galicia de Adalid. Pola súa banda, Laura Touriñán é investigadora e docente da Universidade de Santiago de Compostela, onde realiza unha tese sobre Adalid.


O 25 de outubro o público poderá gozar dun concerto da pianista Paula Ríos, presentada por Carolina Queipo, no Conservatorio Municipal. Centrará o seu repertorio en Adalid, Bellini, Clara Wieck-Schumann e Fanny Mendelssohn e pechará este programa Antonio Queija o 26 de outubro. Un concerto presentado por Margarita Viso no que o cubano Antonio Queija, de orixe galega,  presentará un repertorio con pezas de Xoán Montes, Pascual Veiga, Baldomir e do propio Adalid.


Por último, durante todo o mes de outubro, de martes a xoves, o piano estará a disposición do alumnado do Conservatorio de Redondela, que poderá interpretar alí obras de Adalid traballadas durante o pasado e o presente curso académico, tal e como explicaba a directora do Conservatorio Elisa Arias.


Pola súa banda, as escolas públicas de Redondela recibirán un taller de Musicología a cargo de Xullo Alonso, profesor asociado á Universidade de Vigo e no Conservatorio Superior de Música de Vigo.


O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, salientaba o nivel dos conferenciantes e artistas que participan deste I ciclo de piano ao tempo que animaba aos veciños a achegarse a exposición que durante todo o mes se pode visitar na entrada do Multiúsos dedicada a Adalid e Fanny Garrido, con documentación e obxectos de época.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: