www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 13 de Decembro de 2019

Retiradas tres toneladas de residuos do río Fondón
Sociedade • 2/10/2019
Autor: Lorena Otero

Plásticos, restos de mobles, rodas, quilos e quilos de refugallos, até sumar os tres mil, foron retirados polos corenta voluntarios que participaron na XII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” organizada pola AA.VV. de Chapela dentro do Proxecto Ríos. Unha iniciativa de voluntariado ambiental na que participaron 52 concellos galegos e que permitiu retirar dos nosos ríos máis de trece toneladas de residuos.


Chapela foi o lugar onde máis quilos de residuos se recolleron o pasado domingo, 29 de setembro, na xornada de limpeza simultánea organiza en toda a Comunidade. En total tres toneladas no río Fondón, no tramo situado por debaixo da Senda da Auga. Unha xornada na que participaron corenta voluntarios que durante a mañá do domingo encargáronse de retirar deste treito do río todo tipo de residuos. Como no resto de limpezas simultáneas, os plásticos foron os máis numerosos, con botellas, bolsas e sacos, pero tamén anacos de mobles ou electrodomésticos, ademais de rodas ou cascallos.


Unha limpeza que é a sexta que organiza o colectivo veciñal dende outubro de 2017 e que ademais de procurar a concienciación sobre a necesidade de coidar e manter limpos os nosos ríos, ten como finalidade “difundir e pór en valor o importante patrimonio natural e etnográfico que temos neste tramo da Senda da Auga por onde pasa o Camiño de Santiago”


A XII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, celebrouse en 52 concellos de toda Galicia, a través de 75 entidades e participaron máis de mil persoas. O resultado do seu traballo altruísta foi a retirada de máis de 13.000 quilos de lixo dos ríos galegos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: