www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

Cadea humana no Multiúsos de Chapela para visibilizar a artrite
Sociedade • 27/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Baixo o lema "A artrite, cando menos o esperas" arranca este domingo a campaña "Outubro, o mes da artrite e a espondiloartrite" e faino cunha actividade convocada por Asearpo (Asociación de enfermos de Artrite de Pontevedra) no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela, lugar no que teñen a súa sede. A propostas é formar unha cadea humana na que os participantes están chamados a vestir algunha indumentaria de cor verde.


Unha actividade que se completará ao longo do mes coa iluminación dos edificios institucionais, entre eles o concello de Redondela, tamén en cor verde na xornada do día 1 así como charlas e mesas informativas que buscan dar maior visibilidade a unha doenza que segue a ser moi descoñecida e que, moi a miúdo, é confundida coa artrose cando esta última afecta a persoas de idade avanzada mentres que a artrite pode afectar a calquera idade.


"As persoas máis afectadas atópanse na franxa de idade dos 40 aos 60 anos e son máis as mulleres enfermas que os homes" explica Mabel Avendaño, presidenta da Asociación, aínda que hai diferentes tipos de artrite e algún incluso afectan a nenos pequenos. Unha enfermidade crónica, moi incapacitante para a que é preciso actuar con máis inmediatez, xa que en moitos casos os síntomas son confundidos con outras doenzas ou pasan anos at que se comezan a aplicar os tratamentos correctos, o que fai que a enfermidade vaia a máis.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: