www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Outubro de 2019

A Xunta trasládalle ao PP o compromiso de achegar financiamento para avanzar no PXOM
Política • 26/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas confirmou a voceira do PP, Carmen Amoedo o compromiso do Goberno galego de tramitar a solicitude do financiamento necesario para que Redondela teña PXOM. Nos vindeiros días debería asinarse un convenio co goberno local que permita avanzar na redacción do Plan Xeral.


A voceira do Partido Popular de Redondela mantivo recentemente unha xuntanza coa Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarna Rivas, para interesarse sobre o estado das axudas solicitadas polo anterior goberno municipal para rematar o Plan Xeral de Ordenación Municipal.


Encarna Rivas confirmou á voceira popular que nos próximos días a Consellería de Medio Ambiento, Territorio e Vivenda ofrecerá ao Concello de Redondela a sinatura dun convenio que permita avanzar na redacción do PXOM.


Amoedo sostén que coa achega da Xunta "xa non existen impedimentos para que o Plan Xeral se aprobe no presente mandato. Cando se antepoñen o intereses dos cidadáns antes que as siglas políticas é posible resolver asuntos tan importantes como este. A Xunta actuará con responsabilidade, e se o goberno municipal mantén a mesma actitude que o goberno galego, contará con todo o apoio do Partido Popular de Redondela."


Conclúe a voceira do PP afirmando que "durante os últimos 8 anos traballamos arreo para rematar co urbanismo á carta tan característico dos anos de goberno socialista en Redondela. Tivemos que liquidar un proxecto de PXOM feito ás costas da veciñanza, e impulsar un novo redactado sobre a base do dialogo cos veciños e con absoluta transparencia" e solicita ao novo goberno "que tome o relevo, que manteña o compromiso de man tendida, e que traballe para rematar un PXOM de todos e para todos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: