www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Outubro de 2019

Redondela di "non" ás casas de apostas
Sociedade • 24/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Uns 200 veciños e veciñas manifestáronse na tarde de onte ante o local da rúa Ernestina Otero que está a ser acondicionado para albergar unha casa de apostas. Unha mobilización na que se alertou do lugar elixido para a instalación deste negocio "que non é casual, a menos de 200 metros dos centros educativos da Marisma e que busca captar aos máis vulnerables, a xuventude". Anuncian novas concentracións todos os luns ás 18:00 horas, unha campaña de recollida de sinaturas así como iniciativas no ámbito político e  estudar posibles medidas legais orientadas a evitar a apertura.


Unha mobilización convocada pola Coordinadora contra a Casa de apostas e que ten un obxectivo claro: evitar a apertura deste negocio que cualificaron como a "heroína do século XXI" polo riscos que conleva, principalmente entre a xuventude.


Neste sentido, a presenza de pais e nais foi moi numerosa na concentración, así como a representación das ANPAs, que manifestaron a unanimidade existente nos tres institutos da vila, o IES Mendiño, San Simón e Pedro Floriani, á hora de amosar a súa negativa a que este negocio abra as súas portas. Entenden que non é admisible que se permita a súa ubicación nun perímetro de menos de 200 metros da zona escolar da Marisma e a tan só 150 metros do Conservatorio Victor Ureña.


De feito, lembran que a nova lei "actualmente paralizada pola Xunta, establece unha distancia moito maior respecto dos colexios, pero a empresa que se quere ubicar en Redondela logrou a licenza antes do mes de abril o que lles permite legalizar o negocio malia a proximidade aos centros educativos".


"Un problema de saúde mental" explica Angeles Millán, unha nai moi sensibilizada con este tema porque é consciente dos problemas de ludopatía que provocan. Neste sentido non entende quen defende que se abran casas de apostas alegando que o xogo tamén está presente nos bares ou que os móbiles permiten o xogo online "é preciso que tentemos deter uns negocios que están a proliferar por todas partes e que non elixen Redondela de xeito casual, son conscientes de que aquí hai mercado, e só serven para incrementar un problema que xa existe".


Insisten en que en ningún caso van paralizar as protestas "o obxectivo é que non abran pero a presión vai ser permanente incluso se chegan a abrir" aseguran.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: