www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Outubro de 2019

Os redondeláns divídense entre o enfado e a resignación ante a repetición electoral do 10N
Política • 23/09/2019
Autor: Ana Prieto

A repetición electoral o próximo 10 de novembro, a cuarta cita en menos de catro anos, resulta "incomprensible" e "absurda" para moitos veciños de Redondela, que non ocultan o seu malestar e indignación. Moitos advirte ademais que, tras a nova votación, podería volverse á mesma situación.


A falta de acordo que impediu a formación de goberno supón "un fracaso da clase política en xeral" para moitos redondeláns. E moitos advirten ademais que, tras a repetición electoral "podería volverse á mesma situación". Por iso José se pregunta se despois de novembro "van chegar a algún acordo, se non o houbo agora. Xabier tómao con humor, malia estar moi molesto por ter que ir votar unha segunda vez. Entende que a repetición electoral é algo que perseguían tanto o PSOE como o PP "que pretenden volver ao bipartismo". Ángeles non aforra cualificativos, define a situación de "absurda" e advirte que non vai volver ir a votar "en toda a vida". Unha situación anómala, din, que deixa ao país sen goberno e que ademais supón un gasto para as arcas públicas de preto de 200 millóns de euros. Unha "tomadura de pelo", xa que os deputados estiveron cobrando o salario todos estes meses "sen facer o seu traballo, que era formar goberno". "Indignada" amósase tamén Esther ante esta situación, acusa aos políticos de adoptar unha postura "infantil" sen facer os seus deberes "malia estar cobrando o seu salario". En canto ao papel que tiveron os diferentes líderes políticos en todo o ocorrido e o resultado final, as opinións son diversas. Hai quen reparte a culpa entre todos, por non ter chegado a un acordo, e quen apunta máis a uns que a outros. Para Quique e Ángeles os catro partidos maioritarios son culpables deste "fracaso" pola súa "incapacidade" para chegar a acordos. Tamén Xabier apunta ás catro formacións maioritarias como responsables da repetición electoral, malia que entende que o principal responsable é o PSOE, xa que "tiña a obriga de formar goberno".Outros, en cambio, apuntan ao resto de forzas. Jaime entende que "deberían permitir gobernar á lista máis votada".


As enquisas publicadas esta fin de semana apuntan como grandes beneficiados da repetición electroral ao bipartidismo, con subas para PSOE e PP. Segundo a sondaxe de "El País", o PP gañaría 28 escanos (pasaría de 66 a 94 deputados), e o PSOE aumentaría 9, ascende de 123 a 132. O máis castigado sería Ciudadanos cunha perda de 23 escanos; quedaría en 34. Tamén baixan Unidas Podemos (de 42 a 38) e Vox (de 24 a 18).

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
"A repetición non resolverá nada"
José opina que se desta vez non chegaron a un acordo en novembro tampouco o van facer. Pensa que o resultado será moi similar.
"Incomprensible e absurdo"
Ángeles amósase moi enfadada coa situación. Advirte que non vai volver ir a votar.
"Tomadura de pelo"
A situación para moitos é "unha burla" xa que os políticos estiveron cobrando sen facer o seu traballo.
"Indignada"
Esther di estar "indignada" coa clase política e a súa actitude. "Compórtanse coma nenos".
"Todos están incapacitados"
Para Quique e Ángeles os líderes dos catro principais partidos demostraron estar "incapacitados" para representar á sociedade.