www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

O teatro cobra peso na programación cultural
Cultura • 20/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Un total de trece espectáculos e dez compañías de teatro pasarán polo escenario do Multiúsos da Xunqueira dende o 12 de outubro ata o mes de abril. Unhas representacións enmarcadas dentro dos ciclos que organiza a Concellería de Cultura orientados tanto a público adulto como a público infantil e que teñen como obxectivo primordial recuperar a asistencia de espectadores a unhas funcións que foron perdendo seguidores nos últimos anos.


O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e a alcaldesa Digna Rivas presentaban hoxe a programación cultural de outono que arranca o sábado 28 cun concerto de música folk a cargo do grupo Carapaus ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira con entrada de balde. Unha actuación que supón o arranque dunha intensa programación cultural que inclúe máis de 30 espectáculos de música, monólogos, contacontos e propostas multidisciplinares, sendo as funcións de teatro as que cobran máis peso grazas aos dous festivais que se programan para as vindeiras semanas.


O primeiro ciclo en arrancar será o destinado a público adulto cunha primeira función o 12 de outubro a cargo de Contraproduccións e a obra "Fillos do sol". Ibuprofeno, A panadería e Redrum teatro completarán esta oferta que se prolongará ata o 25 de xaneiro.


A rapazada terá tamén a súa oferta teatral propia co II ciclo de teatro infantil que se desenvolverá os domingos ás seis da tarde no auditorio da Xunqueira con entrada a 3 euros.


Dende a Concellería de Cultura destacan ademais a aposta por grupos e solistas locais "que non tiveron oportunidade de actuar en Redondela nos últimos tempos" con concertos a cargo de Tatán, Alberto Vilas ou os grupos Tanto nos tén e Arxe.


Mantense o ciclo de monólogos Humor na súa tinta que contará coa presenza de Luis Zahera (3 novembro), Cándido Pazó (1 decembro), Miguel lago (19 xaneiro) o El Sevilla.


A alcaldesa Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por unha programación que busca satisfacer os intereses de todos os públicos e que ten "unha presenza destacada de mulleres". Neste sentido destacou a estrea do recital Literarias a cargo de Isabel Blanco, Mariana Carballal e Silvia Penas o 24 de novembro en Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: