www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

O BNG defende a mobilización social para paralizar definitivamente a apertura dunha casa de apostas
Política • 17/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A inminente apertura dunha Casa de Apostas na rúa Ernestina Otero, moi próxima á zona escolar da Marisma, está a provocar a alarma entre os veciños. Tamén dende o BNG amosan o seu rexeitamento ante a posta en marcha deste tipo de salas de xogo polas "nocivas consecuencias que pode provocar este tipo de actividade sobre todo entre a mocidade". Por este motivo convocan a colectivos e asociacións a unha xuntanza hoxe martes ás 20:00 horas no seu local na Praza da Constitución. Insisten na necesidade da mobilización social para frear este proxecto porque "a paralización provisional" anunciada dende o Concello non é suficiente.


Consideran dende o Bloque que, malia que estes negocios poidan obter todo tipo de permisos, é oportuno rexeitar a súa apertura polo aumento dos problemas de adicción detectados a raíz da proliferación destas casas de apostas. Entenden que a presión veciñal vai ser fundamental de cara a paralizar definitivamente este proxecto, motivo polo que realizan esta convocatoria de cara a estudar os pasos a dar xunto con colectivos e asociacións.Confían que na reunión desta tarde se cree unha plataforma veciñal que serva para presionar neste sentido dende o movemento asociativo.


Lembran que a día de hoxe a paralización anunciada dende o concello é tan só provisional xa que, unha vez a empresa presente toda a documentación que lle esixe a legalidade vixente, contaría coa licenza de instalación e poderían continuar coas obras de cara a abrir ese salón recreativo e de xogo na Avenida Ernestina Otero.


Unha ubicación, na proximidade da zona escolar e deportiva da marisma, que preocupa especialmente aos nacionalistas "porque busca atraer a xuventude a unha práctica que pode acabar en ludopatía".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: