www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 22 de Outubro de 2019

Concentracións en Redondela contra a violencia machista
Sucesos • 17/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O goberno local convoca unha concentración en repulsa ao triplo crime machista de Valga hoxe martes ás 12:00 horas ás portas do concello. A Asociación Feminista Paxaretas convoca tamén a cidadanía mañá mércores ás 20:00 horas na praza do Concello para amosar unha vez máis a necesidade de saír a rúa para berrar contra os asasinos e agresores.


Mobilizacións en toda Galicia ante o asasinato de tres mulleres onte na localidade de Valga. Un terrible suceso que novamente achega a traxedia da violencia de xénero que neste caso deixa a dous nenos de 4 e 7 anos de idade orfos de nai, de avoa e de tía, logo de que o seu pai as asasinase a tiros.


Tamén en Redondela hai chamamentos para saír a rúa e berrar contra a violencia machista. A primeira das convocatorias chega dende a Concellería de igualdade e será ás 12:00 horas de hoxe ás portas do Concello. Gardarase un minuto de silencio en recordo das tres vítimas, Sandra, Alba e Elena.


Pola súa banda a Asemblea Feminista Paxaretas convoca tamén a veciños e veciñas e concentrarse este mércores ás 20:00 horas na praza do concello "ante o terrorismo machista, temos que reaccionar saíndo á rúa e berrando ben forte que estamos fartas de que nos asasinen e nos agridan" un xeito tamén de demandar que "as autoridades teñen a obriga de establecer medidas que fagan fronte a esta violencia machista".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: