www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 17 de Novembro de 2019

Soutomaior recupera a zona azul no centro de Arcade para revitalizar o comercio local
Política • 11/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A medida foi solicitada por comerciantes e veciños para fomentar a rotación do aparcadoiro durante o horario comercial. Tras dúas semanas de campaña informativa na que só se avisaba aos condutores, o Concello de Soutomaior puxo en marcha esta semana a zona azul no centro de Arcade, unha iniciativa que recupera a regulación horaria e que non suporá ningún custo para os condutores aínda que o seu incumprimento levará aparellada unha sanción de 12 euros.


O obxectivo é axilizar a rotación do aparcadoiro durante o horario comercial para facilitar que os veciños poidan realizar as súas xestións e compras no pequeno comercio local.


A regulación limitarase a catro viarios do centro urbano de Arcade: as rúas de Portal do Ribeiro, Rosalía Castro e a marxe dereita, en sentido Pontevedra, de José Solla e de Roxelio Landeiro.Nelas, o tempo máximo establecido para o aparcadoiro continuado será dunha hora e media.


O aparcadoiro regularase a través dun disco horario que os interesados poderán solicitaren as oficinas do Concello, na biblioteca municipal ou á Policía Local de Soutomaior. O custo da sanción por incumprir a normativa de aparcadoiro será de 12 euros, "pero o disco é gratuíto porque esta non é unha medida recadatoria", indicou o alcalde Agustín Reguera recalcando que "o aparcadoiro seguirá sendo gratis, o que pretendemos é facer que Arcade sexa máis cómodo e accesible para todos".


Aínda que a entrada en vigor do aparcadoiro regulado xa é un feito, durante algúns días admitirase un simple papel que anticipe a hora de chegada do condutor por se alguén non puido conseguir un disco. O Concello xa distribuíu máis de 2000 discos horarios entre todos os solicitantes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: