www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O novo colexio Igrexa abre as súas portas garantindo a seguridade dos escolares
Institucional • 10/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Consellería de Educación, o Concello de Redondela e Audasa asinaron hoxe a recepción do novo colexio que, tal e como estaba previsto, abrirá as súas portas este mércores. Con pequenos arranxos aínda pendentes e cos accesos sen finalizar, tanto dende a Xunta como dende o Concello garanten que o inicio do curso desenvolverase con "total seguridade e normalidade". Unhas instalacións que supoñen "un cambio substancial para mellor" respecto do antigo centro afectado pola AP-9 e que serán rematadas fóra do horario lectivo.


A contrarreloxo e con pequenos arranxos aínda pendentes, este 11 de setembro os nenos e nenas do colexio de infantil e primaria estrearán as novas instalacións do colexio Igrexa na Finca da Ginaria. Unha infraestrutura que mellora notablemente a existente no antigo centro ao carón da autoestrada, malia que quedan aínda algunhas obras de menor envergadura que se irán rematando nos vindeiros días fóra do horario lectivo.


O xefe territorial de ensino, César Pérez Ares, a alcaldesa Digna Rivas e o representante de Audasa, César Canal, asinaron na mañá de hoxe a transferencia do centro educativo e a súa posta a disposición da Consellería de Educación para que este mesmo mércores o alumnado deste colexio poida iniciar o curso nas novas dependencias.


Unhas instalacións "enormemente aceptables" en palabras de Pérez Ares quen insistiu en que está completamente garantida a seguridade tanto do alumnado como do profesorado o que permitirá que mañá os rapaces e rapazas regresen as aulas con total normalidade.


"Un día de ledicia e responsabilidade" para a alcaldesa, Digna Rivas quen insistiu tamén en que ata o último minuto se estivo traballando para que este 11 de setembro todo o alumnado poida comezar as clases sen incidencias.


A directora do colexio, Pâtricia Román, destacou a mellora que suporá para Chapela a posta en marcha desta nova infraestrutura educativa "un cambio substancial cunhas instalacións que máis aló de arranxos puntuais dan resposta as nosas reivindicacións".


O custe do centro ascendeu a 2,7 millóns aos que hai que engadir un millón de euros na adquisición da parcela coñecida como Finca da Ginaria de 34.000 metros cadrados onde se construíu o colexio. Unha obra contemplada no marco das actuacións de reposición e mellora pola ampliación da AP-9.


Quedan pendentes de finalizar os accesos malia que se garante o transporte escolar que se realizará empregando dous microbuses e un autobús.


O novo colexio conta cunha biblioteca, sala de informática, sala de usos múltiples e un ximnasio, así como cociña e comedor así como espazos administrativos e de almacén. Ofrece ademais unhas espectaculares vistas sobre a ría e un patio exterior con pista deportiva.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: