www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Rematan os traballos de mellora no Colexio Padín Truiteiro de Soutomaior
Sociedade • 5/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello acaba de finalizar a segunda fase das melloras programadas para o centro educativo. Tras os traballos necesarios para adaptar as medidas de seguridade do colexio aos alumnos de infantil procedentes do antigo centro de Oliveira, este ano as melloras centráronse nunha renovación case completa de varios patios, o pavillón deportivo e os exteriores ademais de varias tarefas de mantemento nas aulas.


Os primeiros traballos dedicáronse a unha renovación completa do perímetro exterior do centro, que se limpou e repintou por completo. Ademais, reformáronse completamente os cuartos de baño do patio principal ampliando os accesos e renovando todo o material cerámico e de fontanaría. Boa parte das melloras levaron a cabo en varios dos patios do centro. O que dá acceso ao comedor escolar renovouse completamente retirando toda a capa de terra e cemento en mal estado para substituílo por un novo chan antiescorregadizo, ademais, aproveitáronse os traballos para mellorar a seguridade do depósito de almacenamento de combustible para a calefacción do centro. No patio principal completouse a substitución da cuberta de fibrocemento iniciada o ano pasado. Tamén se acondicionou toda a pista do patio cun repintado completo e o pavillón deportivo cunha limpeza e pintado completo de todo o edificio, tanto os exteriores como o interior.


Por último, levaron a cabo varias tarefas de mantemento habitual nas aulas como a reparación de pequenas incidencias de fontanaría, persianas e pequenas melloras de habitabilidade. Os traballos foron realizados por traballadores municipais polo que o investimento para as arcas municipais limítase ao custo de materiais.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, visitou o centro para comprobar en primeira persoa os resultados duns traballos "moi positivos e que axudarán a que os alumnos estean nas mellores condicións posible".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: