www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O BNG convoca unha mobilización en defensa da sanidade en Soutomaior
Política • 4/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Malia que nas últimas horas o centro de saúde de Romariz tería recuperado a normalidade, logo de ser pechado o pasado 27 de agosto tras trasladar o Sergas ao facultativo que prestaba os seus servizos neste centro médico, os nacionalistas entenden que a atención sanitaria no Concello "segue colapsada despois dun verán inzado de recortes na sanidade pública". Por este motivo convocan unha concentración que terá lugar este venres ás 20:30 horas diante do consultorio de Soutomaior.


Anuncian que esta protesta será a primeira dunha "rolda de mobilizacións en defensa da sanidade pública" co obxecto de denunciar o que cualifican de "colapso absoluto na atención sanitaria do concello". Unha situación que explican "produciuse despois de que o PP non cubrise as baixas dos médicos de Arcade, deixando toda a atención do centro de saúde cun único substituto por catro horas. Situación que empeorou cando a consellaría de Sanidade decidiu pechar a atención sanitaria no consultorio de Soutomaior e desprazar a Arcade ao único facultativo desta parroquia".


Entenden que estes movemento son "a antesala do peche do consultorio de Soutomaior" polo que defenden a mobilización para denunciar unha vez máis que "estamos con menos médicos dos que nos corresponden, cun pediatra que aparece e desaparece, sen persoal sanitario, e cunha baixas que non se cobren. Soutomaior está a sufrir unha discriminación vergoñenta e a proba é que concellos veciños con menos habitantes teñen máis médicos cá nos".


Unha situación que mellorou nas últimas horas logo de que se reabrise o consultorio de Rmariz, pechado dende o pasado 27 de agosto, o que obrigaba aos veciños da parroquia de Soutomaior a acudir até Arcade para recibir atención sanitaria.


Ademais, o Sergas anunciou, segundo apuntan dende o concello, que incorporarán un novo facultativo substituto para cubrir as vacacións dos médicos titulares durante o mes de setembro, co que garante a normalidade no servizo sempre que non se produzan máis incidencias.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: