www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Novembro de 2019

O Choco supera ao Rápido en Bouzas
Deporte • 2/09/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo redondelán sumou a primeira vitoria da temporada na segunda xornada de liga, e fíxoo nun renovado Baltasar Pujales. Peor sorte en fútbol sala para o Pazos de Borbén, que perdeu na eliminatoria de Copa Galicia ante o Gondomar. Tampouco o Balonmán Chapela conseguiu superar ao Frigoríficos na semifinal da Copa Galicia en Lalín.


Terceira División


Rápido de Bouzas 0-1 Choco


O equipo de "Gonza" levou a vitoria de Bouzas nun partido moi disputado. O céspede tampouco axudou, xa que o tapete estaba moi seco, o que impedía imprimir velocidade ao balón. A expulsión de Álex Rei logo do descanso por dobre amarela, e a entrada de Tomás Abelleira fixo mudar as cousas, ao capturar un pase atrás co que anotou o que sería o único gol do partido. Nos minutos que restaban para o final o Rápido tentou a igualada, pero o Choco conseguiu manter a superioridade no marcador. Os tres puntos levan ao equipo redondelán ao 6º posto na táboa. Na próxima xornada recibe en Redondela ao Polvorín, que é 8º cun punto menos que os de "Gonza".


Rápido de Bouzas: Lorenzo; Juan, Pablo, Areal, Jesús (Mape, min. 71); Álex Castro, Óscar Fondevila (Nico, min. 67), Álex Rei, Yahvé; Firi (Carlos Pereira, min. 62) e Rubio.


Choco: Cortegoso; Mario (Alberto Suárez, min. 62), Yago (Vitra, min. 69), Aitor Cañedo, Jacobo Lazcano; Sergio Santos, Caloi, Monchito (Tomás Abelleira, min. 62); Félix, Adrián Rodríguez e Yerai.


Balonmán Copa Galicia



Frigoríficos do Morrazo 29-26 Rodosa Chapela


O Frigoríficos superou o sábado ao Chapela en Lalín nas semifinais, para proclamarse onte campión logo na final ante o Cisne. Os de Fran Teixeira obrigaron a traballar duro aos de Cangas, malia que militan nunha liga dúas categorías por riba dos de Chapela. O Frigoríficos xoga en Liga Asobal e o Chapela en Primeira Nacional. Os redondeláns saltaron á pista de Lalín sen nada que perder, e todo por gañar. E puxeron en problemas ao favorito durante algúns minutos, sobre todo cando Moyano deu minutos aos menos habituais, como é normal nun partido de pretemporada no que ademais cambian de adestrador. O Frigoríficos aguantou e clasificouse para a final do duelo, que gañou o domingo ante o Cisne.


Copa Galicia Fútbol Sala



Cereixa Gondomar 8-5 Pazos de Borbén


O equipo de Fran Amoedo deu a cara, malia as 7 baixas coas que viaxou a Gondomar, e competiu a bo nivel. As decisións arbitrais na primeira parte e os erros do equipo de Pazos permitiron ao Cereixa chegar ao descanso con 5-1 no marcador. Os de Pazos desperdiciaron varias ocasións e perderon a Luis por problemas musculares. Na segunda parte o equipo non baixou os brazos e traballou arreo para recortar distancias, pero a remontada non foi posible.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: