www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Pousiño, unha romaría que organizan os mozos para honrar un santo que non é tal
Sociedade • 29/08/2019
Autor: Ana Prieto

Este sábado o barrio do Pousiño, en Pazos de Borbén, celebra a Romaría do Santo Aparecido, unha festa na honra dun santo que non está recoñecido pola igrexa. A talla atopouse nunha escavación dunha sobras nos anos 80, e desde entón esta celebración é a máis importante par aos veciños.


O último sábado do mes de agosto, desde 1983, O Poousiño celbra a Romaría do Santo Aparecido. A edición desde ano será a 36ª, o próximo 31 de agosto. Karina Fontán, menbro da Comisión de Festas, explica a orixe desta celebración que se remonta varias décadas "na honra á misteriosa figura sen identificar que apareceu hai 36 anos nunha escavación cando se facía unha pista no monte". Coñece ben a historia, aínda que ela non nacera, porque a talla quedou instalada fronte á casa da súa familia. Os veciños bautizárono como o Santo Aparecido e, desde entón, a finais de agosto, todos os veciños celebran unha romaría na súa honra. Trátase dunha festa moi especial para os barrios de Pazos, "e ninguén falta á cita", explica Andrea Fernández, presidenta da Comisión. Malia que o santo non está recoñecido pola igrexa oficialmente, "o párroco celebra unha misa campestre como en calquera outra romaría". Trátase dun día que todos agardan "con moita ilusión, os veciños participan e implícanse moito na festa". Curiosamente a comisión de festas está formada por xente moi nova, a maioría non supera os 25 anos. Para sufragar os gastos da celebración venden rifas, camisetas e xerros, entre outras cousas "e todo o mundo colabora" explica Andrea. Grazas ao apoio da veciñanza poden ofrecer un completo programa de actividades e degustacións de sardiñas e outros produtos totalmente de balde. Os actos comezarán coa misa campestre, ao aire libre. Ao termo desta, será a hora da sesión vermú, amenizada pola charanga Vai de Baile e o grupo de gaitas Treboeiros de Moimenta. Para o xantar estará preparada unha carpa con mesas que os asistentes poden reservar. Tamén haberá un servizo de cátering para todos aqueles que non queiran levar a comida feita de casa. Pola tarde organizaranse xogos populares para que participe o público de todas as idades. Logo pola tarde a tradicional sardiñada, de balde para todos os asistentes. Haberá baile con DJ Charlie e DJ Mesu, para poñer punto final á festa con cervexa e chocolatada á que convidan a todo o público.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: