www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Recta final do Campionato da Xunqueira
Deporte • 27/08/2019
Autor: Ana Prieto

Con máis de 50 equipos participantes, esta semana o torneo encara as finais das diferentes categorías. O Casa Paco, con 15 equipos nesta edición, superou todas as marcas coa participación de 175 futbolistas. Un grupo de xogadores tamén tiveron ocasión de presenciar en Balaídos o encontro ante o Valencia, convidados polo Celta.


Onte luns comezaron a disputarse as fases finais do Campionato da Xunqueira. Nesta edición participaron máis de 50 equipos, con futbolistas de entre 3 e 13 anos de idade. Ata o próximo sábado, día 31, disputaranse cinco partidos diarios, dende as 19.30 horas ata as 22.00 horas. En varias das categorías estará pelexando polo título o Casa Paco, que participa no torneo xunto con máis equipos de Redondela , así como outros chegados de Vigo, Pontecaldelas ou Arcade. Manuel Conde, presidente do club, advirte que nesta ocasión aumentaron a participación desde a súa entidade "cuns 175 nenos e nenas de entre 3 e 10 anos de idade, repartidos en 15 equipos". Foi todo un mes de competición que agora encara a recta final, polo que agradece o compromiso "dos rapaces, das familias e o corpo técnico do club, polo esforzo que fan". E case sen tempo para o descanso, o próximo mes de setembro comezarán cos adestramentos para preparar a liga, nas diferentes categorías nas que participan. Segundo Conde, no curso 2019-20 contarán un cento de xogadores e xogadoras con ficha da federación, repartidos entre 8 ou 9 equipos.


Visita a Balaídos


A pasada fin de semana un grupo de 55 xogadores do Casa Paco, de entre 4 e 10 anos de idade, puideron presenciar en Balaídos o encontro entre o Celta e o Valencia, convidados polo club vigués. Dentro dun programa de colaboración da entidade celeste con varios clubes galegos, os rapaces do Casa Paco visitaron tamén as instalacións celestes e o museo, acompañados polo presidente do club, Carlos Mouriño. Trasladáronse desde Redondela en autobús para vivir unha xornada "que nunca esquecerán", explica Manuel Conde, xa que ademais puideron ver gañar ao Celta ante un gran equipo, como o Valencia.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: