www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

Noya e Cal dominan en Cesantes
Deporte • 26/08/2019
Autor: Ana Prieto

O pentacampión do mundo, Javier Gómez Noya, e a nadadora do Náutico de Vigo, Lucía Cal, subiron ao máis alto do podio na VI Travesía a Nado San Simón. Un total de 185 deportistas completaron a proba disputada en augas de Cesantes na mañá do sábado.


A travesía, organizada pola Asociación Deportiva CAR contou cunha nutrida participación de nadadores e triatletas profesionais. O percorrido, con saída e chegada na praia de Cesantes, logo de rodear a illa de San Simón, realizouse sen contratempos nunha xornada espléndida para a natación. A proba comezou ás 11.00 horas, e o máis rápido foi o ferrolán Gómez Noya, que empregou 19 minutos e 32 segundos. Foi segundo o tamén triatleta Víctor Benages, a nove segundos; Romaric Forques, terceiro a 15; e Vicente Hernández, cuarto a 22. En categoría feminina, a xoven nadadora do Real Club Náutico de Vigo Lucía Cal, de 15 anos, dominou a proba, logo de chegar á meta na novena praza da clasificación absoluta. Cal fixo un tempo de 22 minutos e 39 segundos. Ana Pérez García Picher, do Club Natación Galaico, foi prata, con 42 segundos máis, e Tamara Gómez completou o podio a 49 segundos da gañadora.


A sexta edición da Travesía a Nado San Simón celebrouse este sábado, día 24, logo ter que aprazarse o pasado día 11 debido a unha vertedura. O cambio de data non supuxo problemas de participación e volveu ser todo un éxito, tanto pola cantidade como pola calidade dos nadadores, co que se consolida como unha das probas de verán máis atractivas da ría.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: