www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

O Concello fai un chamamento ao público do Entroido de Verán por un comportamento "cívico"
Sociedade • 23/08/2019
Autor: Ana Prieto

A Concellería de Cultura de Redondela fai un chamamento para que todas as persoas que se acheguen mañá sábado á vila "gocen da festa pero respectando a convivencia co resto dos veciños e colaborando para deixar a vila nas mellores condicións posibles".


O Concello deseñou a programación deste entroido de verán coa intención de que fose "o máis participativo, inclusivo e sostible posible". O concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, confía en que a xente "goce desta festa coma sempre", ao tempo que desexa "un comportamento máis cívico ca nunca". Para isto a concellaría deseñou unha campaña de concienciación a través de diversos cartaces. Afirma que o Entroido de Verán de Redondela "é un referente a nivel galego, e o seguirá sendo", pero advirte que é necesario "facer compatibles a diversión co respecto ao medio ambiente e a convivencia con toda a veciñanza".


Dispositivo especial de limpeza


O Concello ten preparado un dispositivo de limpeza específico que se porá en marcha ás 06.00 horas do domingo. Boullosa confía en que os asistentes ao Entroido axuden ás brigadas "porque a mellor maneira de limpar e non ensuciando". Na liña de tratar de manter as rúas e xardíns do casco urbano de Redondela no mellor estado posible, o Concello duplicará o número de urinarios públicos de anteriores edicións, con 60 unidades, e aumentando os sanitarios para persoas con mobilidade reducida. A Concellería de Medio Ambiente ten preparadas unhas barreiras para seren instaladas no río Alvedosa para atrapar os plásticos que accidentalmente poidan caer ó río. As barreiras colocaranse no caude no momento en que comence a festa. A intención é "intervir o menos posible no ecosistema fluvial".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: