www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Unha gaiola de grilos
Sociedade • 23/08/2019
Autor: Ana Prieto

A polémica está servida mesmo antes de que comece o Entroido de Verán 2019, que se celebra mañá sábado, día 24. A festa non contará coa tradicional Gala Drag Queen, pero si haberá un espectáculo na Praza da Casa da Torre. Desde o PP redondelán acusan ao goberno local de "improvisación" e lamentan que a Gala Drag se vaia facer á marxe do Entroido de Verán, como anunciou Rivas.


O actual executivo de Redondela "non vai rematar co espectáculo Drag Queen", asegura a alcaldesa, Digna Rivas. As actuacións inclúense no programa do Entroido de Verán que se celebra mañán en Redondela cun espectáculo na Praza da Casa da Torre "dentro dunha festa inclusiva, con espazo para todos". Será co espectáculo "Arco da Vella" a partir das 21.30 horas. En canto á desaparición do concurso explicou que se debeu "a polémicas coas bases do mesmo", e a falta de tempo para organizalo "como o actual bipartito pretende". Asegurou que a Gala Drag se vai recuperar, e que a partir de setembro reuniranse cos colectivos LGTBIQ "para organizar unha gala fóra Entroido de Verán, dando a estes colectivos un día para a súa visibilización". Ademais entre as as novidades da actual edición, o Concello inclúe un punto de información "Arco da vella" para visibilizar e sensibilizar sobre o colectivo LGTBIQ, a diversidade sexual e de identidade, que se suma ao punto "Violeta" que xa se instalou na edición pasada. O primeiro estará na praza da Casa dá Torre, o segunda fronte ao Concello. Os dous funcionarán de 17.00 horas do sábado ata as 02.00 do domingo.


Desde o PP, a voceira municipal Carmen Amoedo, acusa a Rivas de mentir "ao inventar un apoio inexistente do colectivo LGTBIQ para xustificar a eliminación do concurso de Drags". Amoedo manifestou a "preocupación do PP redondelán" en relación á polémica xurdida por esta gala. Achacou este desencontro "á obsesión de Digna Rivas por patrimonializar as bandeiras da igualdade e a inclusión, que pertencen a toda sociedade redondelá e non son privativas de ningún partido". Amoedo fala de "improvisación", logo de que o goberno local anunciase que Gala Drag Queen se celebrará "fóra do Entroido de Verán", e advirte que será "imposible" que teña a mesma repercusión, xa que nas anteriores edicións chegou a congregar a máis de 14.000 persoas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: