www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

Un erro da traíña de Cesantes déixaos fóra da pelexa pola fase de ascenso á Liga Galega A
Deporte • 19/08/2019
Autor: Ana Prieto

Emocionante fin de semana no remo galego, coas últimas probas puntuables da liga galega coas bandeiras Princesa de Asturias, en Castropol, e a do Concello de Mugardos. Cesantes e Coruxo pelexaban pola terceiro posto da xeral para facerse cunha praza no "play off", e un erro do barco de Cesantes deixou o camiño libre á traiñeira viguesa.


Na cita disputada na ría de Ferrol, as correntes obrigaron a cambiar o formato de competición e celebrouse unha regata en contrarreloxo pola segunda baliza do campo de regatas debido a que a organización careceu de capacidade para establecer unha liña de boias fiable. A isto engadiuse que a proba foi a seis longos con cinco ceavogas, dúas máis do habitual. A Bandeira Concello de Mugardos constituía a última regata da Liga Galega B porque a vindeira semana, no marco do Teresa Herrera coruñés, disputase a fase de ascenso e permanencia co segundo e terceiro desta categoría e o penúltimo e antepenúltimo da primeira división. O principal interese da cita era determinar a embarcación que ocupaba a terceira praza, coa Cabana como líder indiscutible e Esteirana en segundo lugar. No terceiro posto Coruxo chegaba cun punto de renda sobre Cesantes, e viviuse unha proba de máxima tensión. As traíñas de Redondela e Vigo saíron moi motivadas, e nas primeiras balizas marcaban os mesmos tempos que as traiñeiras que encabezan a xeral. Durante tres longos, dunha regata a seis, as traiñeiras intercambiaronse as posicións constantemente e vogaban cunha escasa marxe de segundos. Ata que chegou o erro de Cesantes. A traiñeira redondelá virou nunha baliza que non lle corespondía, malia que as inutilizadas carecían de bandeira. O erro deixou a Cesantes fóra da regata. Deste xeito, a terceira praza pasaba definitivamente a mans de Coruxo. Con todo, os vigueses mantiveron o ritmo e fixéronse coa vitoria, a segunda consecutiva e as dúas únicas do ano, demostrando quechegan en boa forma para loitar polo ascenso á Liga Galega A. Terán como rivais a Esteirana, que onte cruzou a chegada a tres segundos, e a Rianxo e Muros, da máxima categoría autonómica.


Chapela obtivo onte a sexta praza tras iniciar a liga en posicións retrasadas, pero remontou ata a sétima praza na xeral. Unha situación distinta a de Vila de Cangas, o pechacancelas.


Liga Feminina


En mulleres, a traiñeira de Mecos Coruxo acadou unha vitoria clara por diante de Cabo da Cruz. A "Mequiña" fíxose coa Bandeira Reganosa e, co triunfo, pechou o título da Liga Galicia Calidade, a categoría feminina do remo galego, a falta dunha regata. Na loita pola segunda praza, Tirán Pereira obtivo a terceira posición para superar a Perillo na clasificación xeral, mentres que Chapela gañou onte a Mugardos e loitará por abandonar o último posto da competición.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: