www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Redondela ofrece cursos de comunicación dixital para asociacións e colectivos do municipio
Institucional • 13/08/2019
Autor: Ana Prieto

Desde a Concellería de Participación Cidadá tamén solicitan a todos as asociacións que envíen ao Concello a súa información de contacto para actualizar as bases de datos. A intención é iniciar "unha nova etapa de participación cidadá na que todas as asociacións dispoñan da mesma información e teñan as mesmas oportunidades".


A Concellería de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá solicita a todas as Asociacións, Comunidades de Montes, ANPAs, etc., que remitan o antes posible os seus datos de contacto á dirección electrónica transparencia@redondela.gal. O que se require é que se facilite ao Concello unha dirección de correo electrónico, así como un teléfono de contacto, para poder actualizar a base de datos do Concello. A concelleira Susana Couñago explica que o movemento asociativo "é moi importante en todo o municipio de Redondela", e o obxectivo do seu departamento é estar "en contacto permanente cos colectivos", para recibir información das actividades que realizan e tamén para informalos das actuacións que se poñen en marcha por parte do Concello. Lamenta que, o feito de non ter os datos de contacto actualizados, obriga ás veces a facer "case unha labor de investigación" para dar cos directivos das asociacións. Couñago sinala que o actual equipo de goberno quere facer da Participación Cidadá e da Transparencia "os dous piares básicos da súa acción política". Advirte que para iso "é necesario que a comunicación coa veciñanza sexa fluída e de dobre dirección". O Goberno entende que as Asociacións Veciñais de todo tipo (parroquiais, deportivas, culturais, etc.) deben ser "as canles de interlocución naturais co Concello". Antes de iniciar a nova política de Transparencia e Participación, quérese ter os datos o máis actualizado posible "para que todas as asociacións do Concello dispoñan da mesma información e teñan as mesmas oportunidades, por exemplo, para acceder a axudas municipais."


Curso de comunicación dixital


Neste sentido, a Concellería de Transparencia, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá vai levar a cabo uns cursos de balde dirixidos a todas as entidades e asociacións de Redondela sobre a Administración Electrónica. Nestes cursos explicarase o funcionamento do certificado dixital (trámites, solicitudes) así como o uso da sede electrónica do Concello de Redondela (manexo da páxina, presentación de escritos, subvencións, etc.). Os cursos impartiranse nunha xornada única, cunha duración aproximada de 3 horas, os venres día 16, 23 e 30 de agosto en horario de 10:30 a 13:00 horas. Todas aquelas entidades ou asociacións que queiran apuntarse deberán enviar un correo electrónico ao enderezo transparencia@redondela.gal, indicando a entidade, teléfono de contacto, e o número de asistentes (ata un máximo de tres persoas por entidade), indicando o venres de agosto que prefiran asistir. Susana Couñago tamén adiantou que a partir de setembro realizaranse novos cursos de alfabetización dixital pata toda a veciñanza.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código:

Audios relacionados co artigo
Susana Couñago concelleira de Transparencia Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá
Couñago explica que o movemento asociativo "é moi importante en todo o municipio de Redondela" e o obxectivo do seu departamento é estar "en contacto permanente cos colectivos".
Actualización de datos
Desde a Concellería de Participación Cidadá tamén solicitan a todos as asociacións que envíen ao Concello a súa información de contacto para actualizar as bases de datos.
Curso de comunicación dixital
Nestes cursos explicarase o funcionamento do certificado dixital trámites solicitudes así como o uso da sede electrónica do Concello de Redondela.