www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Setembro de 2019

A bandeira verde xa ondea na praia de Cesantes
Institucional • 10/08/2019
Autor: Ana Prieto

As últimas análises da Consellería de Sanidade, recibidas esta tarde no Concello, revelan que a calidade da auga da praia da Punta é apta para o baño. 



As análises realizadas no día de onte pola consellería de Sanidade e remitidos ao concello ás 16 horas da tarde de hoxe, indican que a praia de Cesantes é totalmente apta para o baño ao dar uns niveis de Escherichia coli moi por debaixo do límite recomendado.


A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que as análises que orixinaron a suspensión da Travesía a Nado de San Simón foron realizados o día 7, e o Concello tivo acceso aos resultados o día 9 ás 16 horas.


“De inmediato colocouse a bandeira vermella na praia de Cesantes, desaconsellando o baño”, explica a alcaldesa de Redondela e “como medida de precaución tomamos a decisión de suspender a Travesía a Nado de San Simón”.


O día 9, a Sanidade realizaba novas analíticas nas que se deixaba constancia que os niveis de Escherichia Coli e enterococos intestinais estaban por debaixo dos límites máximos permitidos e que, polo tanto, as augas voltaban a ser perfectamente aptas para o baño.


A dita analítica, o Concello tivo acceso ás 16 horas de hoxe, “aínda que, como se pode comprobar, as augas dende a tarde de onte, eran aptas para o baño”.


O límite máximo permitido de Escherichia coli é de 1000 uf/100ml e de 600 ufc/100ml de enterococos intestinales. Nestes momentos, segundo os datos aportados por Sanidade, a praia de Cesantes, en todas as súas zonas, está por debaixo destes niveis.


Pola súa banda, a Concellería de Medio Ambiente, que xestiona Roberto Villar, sinalou que dende ese departamento, conxuntamente co resto das áreas do goberno afectadas e as demais Administracións competentes, “vaise a levar a cabo unha investigación para identificar as causas que provocaron a contaminación da auga e adoptar as medidas necesarias para evitar que no futuro se volvan a producir situacións como a vivida nestes días”.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: