www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 20 de Outubro de 2019

A Policía Local de Redondela cubrirá todas as vacantes de persoal no prazo dun ano
Institucional • 8/08/2019
Autor: Ana Prieto

Unha das prioridades do Goberno local “é que o municipio teña un cadro de policía local que poida garantir a seguridade dos veciños e veciñas e as dos seus bens”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Dous axentes, agora en prácticas, incorporaranse ao plantel unha vez rematada a súa formación. O proceso para cubrir outras nove prazas novas inciarase "en breve".


Este verán, tres policías procedentes da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) realizan o seu período de prácticas en Redondela para, unha vez rematado este período, o 15 de agosto, volver á Academia para superar as probas finais e incorporarse xa definitivamente. Dous deles pasarán a formar parte do plantel da Policía Local de Redondela e outro da de Soutomaior. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a xefa do Servizo de Formación en Seguridade Pública da AGASP, Mónica Castro Pérez, acompañados polo concelleiro de Seguridade de Redondela, Leonardo Cabaleiro, supervisaron a evolución dos tres axentes en prácticas escoitando as súas experiencias e necesidades. Os dous axentes, que se incorporarán ao cadro de persoal da Policía Local de Redondela, pertencen á convocatoria de prazas realizada en 2018. En breve, segundo sinalou a alcaldesa Digna Rivas, iniciarase o proceso de cobertura de 9 novas prazas que, logo do seu paso pola Academia Galega de Seguridade Pública, incorporaranse como axentes a todos os efecto. Deste xeito, "no prazo dun ano, a Policía Local de Redondela contará con 11 novos axentes”, segundo asegurou Rivas. Unha das prioridades do Goberno local“é que o municipio teña un cadro de policía local que poida garantir a seguridade dos veciños e veciñas e as dos seus bens”, sinala a alcaldesa. Nese sentido, Digna Rivas foi clara ao sinalar que as necesidades da Policía Local “non poden ser suplidas coa contratación de auxiliares" xa que segundo estipula a lexislación "non poden exercer as labores dun policía local ou substituír a estes”. A alcaldesa de Redondela adiantou que o seu Goberno está pendente da convocatoria de novas subvencións “tanto para vehículos da policía local como o material que precisan para desenvolver o seu traballo con eficacia e en condicións dignas”. O traballo da policía local, rematou Digna Rivas, “é tan complexo como perigoso, polo que é obriga do Goberno proporcionarlles todos os medios precisos para que poidan desenvolvelo nas mellores condicións”.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: