www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Setembro de 2019

As anémonas e o PP
Política • 1/08/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os populares aproveitaron o pleno de onte para amosar a súa preocupación polo episodio de picaduras de anémonas que a mediados de mes se vivía na praia de Cesantes e, en menor medida, en Arealonga. A súa primeira moción xa como principal grupo da oposición centrouse en solicitar un informe sobre as medidas que dende o goberno local se adoptaran logo de coñecerse o elevado número de afectados. Unha moción que non saíu adiante ao non contar co apoio de ningún grupo que cualificaron a moción de "populista" e "innecesaria" que "o único que busca é un titular na prensa", motivo polo que pedían ao PP que a retirara. Unha sesión na que Rivas logrou o apoio suficiente para contrata un "coordinador/a de concelleiros" e que supuxo a despedida do exalcalde, Javier bas.


Contidos de trámite na que era a última sesión antes do período de vacacións e na que os populares estreaban a súa labor de oposición cunha moción moi criticada polo resto dos partidos por entender que se trataba dun tema que se podía ter resolto por outras vías. En concreto a moción solicitaba do goberno local explicacións sobre o episodio de picaduras de anémonas que hai un par de semana se vivía en Cesantes e que deixaba máis de 60 afectados. Criticaba o PP que non se tivera actuado con maior celeridade e que non se colgara a bandeira vermella na praia da Punta para advertir aos bañistas do perigo.


Tanto BNG como AER pedían ao PP que retiraran unha moción "que só serve para perder o tempo, xa que esa petición podía terse feito por rexistro" en palabras de Roberto Vilar da Agrupación de Electores. Dende o BNG o seu voceiro, Xoán Carlos González, lembráballes aos populares que a proliferación de anémonas é unha constante nos últimos anos que responde aos cambios que están a experimentar as augas interiores e que "é responsabilidade da Xunta que non está facendo nada para atallar este problema".


Dende o PSOE sumábanse tamén a petición de que a moción se retirara porque ao entender de Leonardo Cabaleiro "só se presenta cun claro afán de alarma e para buscar un oco na prensa". Explicaba ademais que nos días do incidente se avisaba por megafonía cada 30 minutos sobre a existencia das anémonas e se aconsellaba aos bañistas que non se meteran na auga e usaran as duchas para refrescarse.


Coordinador/a de concelleiros


Unha sesión na que se aprobaba tamén a creación dun posto de persoal eventual que exercerá de coordinadora e secretaria de Alcaldía cunha retribución anual de 25.000 euros e cuxos cometidos eran defendidos dende o PSOE lembrando que "é preciso contar cunha persoa que oriente a todos os veciños que cheguen ao concello e que, ao tempo, coordine as labores das diferentes áreas que están repartidas entre dous grupos políticos".


O PP lembraba que esa figura fora creada durante o seu mandato e que, naquel momento, todos os grupos a criticaran e votaran en contra da súa creación. Respondíalle o BNG asegurando que "no pasado non apoiamos esa figura porque sabiamos que no goberno do PP ía acabar actuando como un axente electoral, como así foi".


Última sesión á que asistía o exalcalde Javier Bas, quen recibía unhas palabras de despedida de parte da alcaldesa, quen tamén facía referencia ao outro concelleiro popular que abandona a corporación, o exedil de deportes Julio Mougán, quen non puido asistir a esta sesión por motivos persoais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: