www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

A campaña "Non sexas pirata" contra o furtivismo en traxe de baño chegará a Redondela
Institucional • 1/08/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Esta acción promovida dende a Xunta de Galicia arrancou o 17 de xullo e prolongarase ata o 31 de agosto nas praias galegas que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de visitantes. Concretamente estarán en Redondela o día 27 de agosto.


A Xunta levará durante o mes de agosto a 31 areais de Galicia a campaña de concienciación Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, que se puxo en marcha o pasado 17 de xullo e que se prolongará ata o 31 de agosto, un período no que en total a iniciativa chegará ás 45 praias galegas con máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira.


O obxectivo desta iniciativa é concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación. Para iso en agosto a campaña estará en areais dos concellos de Muros, Mugardos, Noia, Sada, Oleiros, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Vigo, Boiro, O Grove, Foz, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cedeira, Muxía, Marín, Bueu, Dumbría, Cabanas, Carballo, Carnota, Cangas, Redondela, Outes, Fisterra, Miño, Cee e Baiona. No posto da campaña que percorrerá estes concellos realizaranse accións de concienciación tanto en horario de mañá como de tarde.


As accións que inclúe a iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes labores que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións sobre os talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico nas actividades da campaña.


A campaña busca implicar a todas as partes na loita contra a problemática do furtivismo de bañador mediante a posta en valor do labor dos mariscadores e mariscadoras e o chamamento á responsabilidade de cada bañista. A este traballo de concienciación súmase o que desenvolve o Servizo de Gardacostas de Galicia cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que cada verán realizan unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado.


O furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos, pero tamén un problema medioambiental -porque supón un prexuízo para o ecosistema- e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: