www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

60 comerciantes participan dunha noite de descontos e espectáculos en Redondela
Institucional • 24/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Unha edición máis a Shopping Night que organiza a asociación de empresarios vai da man coa programación cultural do Concello. Será o venres 2 de agosto cando a XX edición do Festival Internacional de Artistas de Rúa encha o centro da vila de malabares, trapecistas, cómicos e música ao tempo que os comercios "vestirán" de branco para convidar aos clientes a facer as súas compras con descontos de ata o 70%. Desfiles de moda itinerantes co avance da nova tempada, street food, degustacións, agasallos e sorteos completarán a oferta dunha intensa xornada comercial e festiva en Redondela.


A emblemática chiminea de Regojo foi o espazo elixido polo Goberno local e a Asociación de empresarios para dar a coñecer este evento no que veñen colaborando dende hai anos. Unha proposta conxunta da Shopping Night e o Festival Internacional de Artistas de Rúa que encherá as rúas do casco urbano de Redondela de oferta comercial, cultural e de ocio o venres 2 de agosto.



En total, son seis as propostas de Rúa que arrancarán xa as 19:30 horas co pasarrúas a Danza dos Paxaros e o grupo itinerante Os Romeiros do Caracol. Xa as nove actuará o grupo de trapecistas “Máis alto aínda” na Alameda de Castelao e unha hora despois na praza da Constitución a quenda será para Diábolo Clasic Metal. As 21:30 actuará na praza do Pazo de Petán Só Xampatito e pechará a programación, organizada pola Concellería de Cultura, Luis Zahera, quen ofrecerá un monólogo na praza da Casa da Torre.


Un festival que se fusionará coa Shopping Night, que presenta a súa edición máis participativa cun total de 60 establecementos. Desfiles itinerantes a partir das sete da tarde e descontos do 20 ata o 70% que buscan animar aos clientes a facerse con eses produtos de tempada. Ademais das presentacións e promocións haberá outras actividades en paralelo e novamente súmanse os hostaleiros con food truck nas rúas e postos de comida.


O presidente da Asociación de Empresarios, Enrique Lago, xunto coa alcaldesa Digna Rivas, destacaban a colaboración entre as dúas entidades para poñer en marcha estes e outros proxectos e animaban aos veciños a participar desta xornada de ocio e compras en Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: