www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 13 de Decembro de 2019

O Sinsal celebra a súa edición máis inclusiva
Cultura • 23/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A illa de San Simón acollerá entre os días 25 e 28 de xullo unha nova edición deste festival caracterizado polo seu cartel secreto. Na presentación do evento a presidenta da deputación, Carmela Silva salientou o "compromiso do Sinsal cos novos valores do S.XXI: sustentabilidade, igualdade, diversidade e medio ambiente e avanzou que esta edición o cartel contará "cunha artista trans". O acto de presentación do Sinsal, celebrado onte no peirao de Cesantes, contou coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas e o edil de Cultura, Daniel Boullosa así como o codirector do festival, Luis Campos.


Durante a presentación Carmela Silva tamén enxalzou a posta en valor no festival "do produto local e ligado a ecoloxía". Un ano máis, a principal característica do Sinsal Son Estrella Galicia é o carácter secreto do seu cartel, "pero malia que aínda se descoñecen, as súas e os seus artistas sempre teñen unha enorme calidade musical", apuntou Silva e engadiu que "este festival é moi especial porque ten todos os ingredientes para converterse en único". Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela sinalou que "de cara ao ano que vén queremos que toda a veciñanza de Redondela estea implicada neste festival que, tanto a nivel nacional como internacional, ten moitísimo impulso" e amosou a sáu satisfacción porque se celebre no noso concello.


Como en edición anteriores o Festival contará cunha carpa propia de igualdade para previr o acoso e as agresións sexuais coa campaña "Eu decido, ti respectas". Deste xeito, a Deputación de Pontevedra instalará un punto de información, con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos dirixidos a mozas e a mozos con contidos diferenciados para mulleres e para homes e outros materiais promocionais que van complementar a campaña, adhesivos, sombreiros, tarxetas, pulseiras. Amais, en sintonía coa axenda de sustentabilidade da institución provincial, tamén se instalará un stand informativo pertencentes á campaña "Experiencias Sostibles", que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos e nos seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas.


Durante estes catro días de festival, a illa de San Simón vaise encher de música, gastronomía, lecer e moitas outras actividades. Así, nos últimos anos pasaron pola illa artistas coma Alt- J, Maika Makovski, Camila Moreno, Anna Meredith ou Malándromeda, entre outras e outros artistas. Na última edición, o "Sinsal Son Estrella Galicia" recibiu a preto de 3.000 visitantes durante as dúas xornadas, das cales 650 pasaron polo stand de Igualdade da Deputación onde se prestou asesoramento e, amais, no marco da campaña de Turismo Sustentable repartíronse preto de 700 ecocabichas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: