www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Redondela "recupera" a Memoria
Política • 22/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Illa de San Simón e o paseo da Portela acolleron esta fin de semana dous actos reivindicativos e en lembranza das persoas que estiveron presas no penal durante os anos da guerra civil e os inicios do franquismo, así como de recoñecemento para todas as mulleres de Redondela que non dubidaron en levar un pouco de esperanza a estes presos.


Acto dos colectivos pola memoria este domingo en San Simón no só para render homenaxe ás vítimas e ás súas familias senón tamén para reivindicar o fin desa impunidade que, segundo denunciou a xornalista Ana Cabaleiro, "que de tanto manterse no tempo chegou a propiciar, nos últimos anos, o envalentonamento dos reaccionarios e herdeiros da ditadura, que pugnan por seguir impoñendo e lexitimando o seu ideario de represión e espolio".
No ano en que se cumpren oitenta do fin da guerra civil en España e dez desde que "a sociedade civil" a través da Iniciativa Galega pola Memoria, tomou as rendas da organización da homenaxe ante a desidia da administración autonómica, Cabaleiro esixiu tamén no nome de todos os colectivos que a conforman  "a regulación da apoloxía do franquismo como delito e a prohibición de toda exaltación do mesmo"
O acto, que contou coa actuación musical de Lucía César Veloso, serviu como homenaxe ao promotor da querela, Darío Rivas, e á guerrilleira antifranquista Chelo Rodríguez, finados este ano. Tamén para amosar o respaldo ao investigador Carlos Babío, denunciado polos Franco, que, finalmente non puido desprazarse á illa, tal como estaba previsto.


Homenaxe ás mulleres na Portela


No acto organizado o sábado polo BNG o protagonismos foi para as mulleres: Josefa e Carmen Rodríguez Esteiro, Filomena Blanco, Ceferina Docampo, María Davila, Candelaria Araujo, Maruja Chiquiña, Rosa de Louro... e outras moitas de Redondela, Cesantes e a Portela teceron nos anos máis duros da posguerra unha rede de solidariedade para trasladar un anaco de esperanza aos centos de presos de San Simón. Malia que no 2016 se aprobara unha moción no pleno do concello para homenaxear a estas mulleres, o anterior goberno nunca chegou a cumprir ese acordo plenario, unha débeda que o BNG quixo saldar con esta homenaxe do sábado.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: