www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 20 de Outubro de 2019

A Xunta elimina un vertido de augas residuais en Cidadelle
Sociedade • 22/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

As augas residuais urbanos procedentes de varios inmobles do barrio de Fonte de Cornide en Chapela vertían nun rego do barrio. Os labores do persoal do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia permitiron detectar o foco contaminante na rede de evacuación de augas pluviais no lugar A Igrexia. A instalación dunha nova rede de saneamento e un equipo de bombeo por parte do concello permitiu eliminar o vertido, tal e como constata a última mostraxe realizada pola técnicos da Xunta.


Augas de Galicia vén de comprobar a emenda dun punto de vertido de augas residuais urbanas con afección ao rego Cidadelle procedente de varios inmobles do barrio de Fonte Cornide.


As emisións contaminantes foron identificadas polo persoal do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia no marco das labores rutinarias de control á rede fluvial e na liña de costa no ámbito do municipio pontevedrés. Os resultados analíticos da mostraxe realizada nunha rede de evacuación de augas pluviais localizada no lugar de A Igrexia, arroxaron a presencia de contaminación neste punto.


A problemática detectada foi posta en coñecemento do Concello de Redondela para que procedese a adoptar accións correctivas para a emenda da contaminación asociada ao punto de vertido.


Recentemente, os técnicos dependentes de Augas de Galicia realizaron unha nova comprobación do punto de vertido. A revisión da citada rede de pluviais permitiu a localización de aportes de augas domésticas procedentes de varios inmobles do barrio de Fonte Cornide, que o Concello emendou coa instalación dunha nova rede de saneamento e máis un equipo de bombeo que permitiu conectar a nova liña cara á rede xeral municipal.


A última mostraxe realizada pola Xunta no punto de evacuación das augas pluviais permitiu constatar a ausencia de contaminación, e deste xeito as actuacións realizadas permitiron eliminar os aportes irregulares cara ao dominio público.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: