www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 18 de Outubro de 2019

A praia de Cesantes tamén ten o seu festival folk
Cultura • 17/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O festival Folk Illa de San Simón celebra este sábado día 20 a súa décima edición. Música e baile enmarcados na tradición galega serán os protagonistas desta cita na praia de Cesantes con ritmos dos grupos Habelas hainas, Pandereteiras Arume e Pelepau. Unhas actuacións que arrancarán ás 21:30 horas e que chegarán precedidas das actividades para os máis cativos co obxecto de facer un festival familiar que arranque xa pola tarde.


Música tradicional coas pandereteiras Arume, as percusións do grupo Pelepau e o toque máis reivindicativo coas catro mozas que integran o grupo Habelas hainas,  son as propostas musicais que nos deixa o festival folk que organiza o Circulo Cultural e deportivo de Cesantes en colaboración co Concello este sábado día 20.


Décima edición dun festival que nos últimos anos se viña celebrando conxuntamente coa noite de San Xoán pero que nesta ocasións desvincúlase para cobrar entidade propia.


As actividades arrancarán xa pola tarde con propostas para os máis cativos. A música arrancará co grupo de Pandereteiras Arume ás que lles seguirán a música máis reivindicativa de Habelas Hainas, catro mulleres con moita experiencia nas actuacións en directo e que serán as encargadas de dar voz á parte máis comprometida do festival.


Pechará a xornada o grupo Pelepau, formación nacida en Vigo no ano 2010, co fin de adaptar temas de tradición galega para percusións.


Haberá ademais comida e bebida a prezos populares.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: