www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 19 de Agosto de 2019

Acto reivindicativo e de homenaxe ás Mulleres de San Simón
Cultura • 17/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG de Redondela organiza este sábado ás 20:00 horas un acto de homenaxe as mulleres de Redondela que dando un exemplo de dignidade e heroísmo foron quen de tecer unha rede de solidariedade para levar un pouco de esperanza aos presos que o rexinme franquista enviou o campo de concentración de San Simón, entre os anos 1936 e 1945. Un acto enmarcado dentro da conmemoración da semana da Patria Galega.


Mulleres de Redondela, Cesantes e A Portela, que poñendo en risco as súas vidas e as dos seus, déronlle algo de luz a vida daqueles homes, sen pedir nada a cambio. Mulleres que, segundo explican dende o BNG, amasaban bolas de pan e cociñaban empanadas de xoubas, que recollían as súas roupas e logo devolvían lavadas e na que mesmo cosían mensaxes de esperanza para tentar paliar todo aquel horror.


Todas elas serán homenaxeadas o sábado 20 a partir das 20:00 horas, nun acto que terá lugar na Portela, no final do paseo marítimo e que dende o BNG convidan a participación da veciñanza.


A presentación do acto correrá a cargo do Responsábel Local do BNG de Redondela, Anxo Lusquiños e contará coa intervención do deputado no parlamento galego Luis Bará Torres, quen sendo Director Xeral da Xunta durante o goberno do bipartito, impulsou a San Simón como Illa da Memoria e quen recolle no seu libro sobre a represión franquista en Galiza "Non des a esquecemento" a historia da xesta humanitaria destas mulleres.


O acto rematará cunha ofrenda floral no peirao da Portela, onde se porá fin a esta merecida homenaxe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: